Os Maios volven encher Ourense de cor e tradición

OurenseXa
Maios, coplas e música da man de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre protagonizan a xornada deste domingo na cidade
maios_ourense
4 May 2025

A Festa dos Maios de Ourense, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, é unha das celebracións máis antigas e singulares do calendario galego, con fondas raíces en rituais de fertilidade vencellados ao inicio da primavera. Aínda que as súas orixes se perden no tempo, é probable que esta tradición derive de antigas festividades celtas como o Beltane, nas que se rendía homenaxe á natureza e á renovación da vida.

En Ourense, do mesmo xeito que noutras cidades galegas, esta festa soubo manterse viva, adaptándose aos cambios sociais sen perder a súa esencia. Dende comezos do século XX, a cidade acolle cada ano esta celebración, o primeiro domingo de maio, na que veciñanza e visitantes renden tributo ao ciclo natural a través da arte destas singulares figuras vexetais feitas a man, acompañadas das tradicionais coplas, nunha xornada chea de historia e tradición.

Programa

Este ano, debido á previsión de choiva, as actividades trasladaranse á Praza Maior e á contorna de Santa Eufemia no caso de que o tempo non permita celebralas no Paseo, mentres que a Feira de Antigüidades se reubicará na Alameda.

O programa comezará ás 11.00 horas coa exposición dos maios participantes no concurso convocado polo Concello. Á mesma hora dará comezo un obradoiro de elaboración de coroas e peiteados, que se prolongará ata as 18.00 horas.

Ás 11.30 horas haberá un pasarrúas con cabezudos e xigantes acompañados de música tradicional, e ás 12,00 horas terá lugar o canto das coplas.

Pola tarde, o programa continuará coa entrega de premios do concurso de coplas e maios, e co canto das mellores composicións na Praza Maior ás 19.00 horas.

Finalmente, ás 19.30 horas, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre ofrecerán un concerto tamén na Praza Maior.

⚙ Configurar cookies
0.16707396507263