O pasado domingo 9 de febreiro, disputouse no Pavillón de Judo Francisco Valcárcel de Villaviciosa de Odón (Madrid) a Super Copa de España de Jiu Jitsu, Comunidade de Madrid, nas categorías infantil, cadete e júnior (sub 16, sub 18 e sub 21), con catro integrantes do Judo Club Ximnasio Marbel e excelentes resultados.
Leire Carrera (-57 quilos) e Carolina Araújo (-57 quilos) participaron na categoría júnior, mentres que Rodrigo Álvarez Gómez (-77 quilos) e David Rodríguez (-56 quilos) fixérono na cadete. Os catro competiron en dúas modalidades de combate: loita e Ne Waza (restrinxida ao chan).
Para David foi o seu debut a nivel nacional e logrou dúas medallas de prata en ambas modalidades. Rodrigo e Carolina engadiron cada un dous bronces. Pola súa banda, Leire conseguiu a prata en Ne Waza.
En total, sete medallas para a expedición ourensá, tutelada no tatami polo mestre e seleccionador galego, Felipe Iglesias, quen se amosou moi satisfeito co rendemento dos seus pupilos.