Os Mestres Manuel Montero e Ana Fernández Morais representaron a Ourense na Gala Anual de Judo de Galicia

A Federación Galega de Judo e Deportes Asociados celebrou o pasado sábado 8 de febreiro a súa Gala anual no Hotel Carlos I de Sanxenxo (Pontevedra), con representación ourensá do Marbel a cargo dos Mestres do Judo Club Marbel, Manuel Montero e Anita Fernández Morais. Na mesma, entregáronse premios e condecoracións a diferentes destacados da tempada, entre eles ao medallista olímpico Fran Garrigós, quen competiu con licenza galega.
Tamén se desenvolveu, durante os días 8 e 9, o vixésimo cuarto ‘Congreso de Mestres de Judo de Galicia’, que reuniu aos de maior grao da comunidade co obxectivo de actualización e unificación de criterios na didáctica desta Arte Marcial, ademais do sector de Alto Rendemento.
O Congreso contou coa destacada presenza do Mestre francés 7º Dan Darcel Yandzi, excampión europeo e bronce mundialista, exseleccionador de Inglaterra e adestrador persoal da estrela francesa Teddy Riner. Tamén coa mestra española María Bernabéu, subcampioa do mundo e habitual colaboradora federativa.