Os museos de Allariz modifican os seus horarios durante os meses de verán

Os museos de Allariz contarán desde este mes de xullo cun novo horario de apertura adaptado á tempada estival co obxectivo de facilitar as visitas tanto á veciñanza como ás persoas que se acheguen ao municipio durante o verán.
Os novos horarios afectarán ao Museo Galego do Xoguete, ao Museo do Coiro e ao Museo da Moda, tres espazos que permiten achegarse a diferentes aspectos da historia e do patrimonio local, desde o mundo dos xoguetes tradicionais ata a artesanía do coiro ou a evolución do sector téxtil.
Durante os meses de xullo e agosto, as instalacións permanecerán pechadas os luns. De martes a xoves abrirán unicamente en horario de mañá, entre as 11.00 e as 14.00 horas.
Os venres e sábados ampliarase a franxa de visitas cun horario dividido entre mañá e tarde, abrindo de 11.00 a 14.00 horas e tamén de 18.00 a 20.00 horas.
No caso dos domingos, os tres museos poderán visitarse en horario de 11.00 a 14.00 horas.
No referente ás tarifas, a entrada individual terá un custo de 2 euros, mentres que seguirá dispoñible un bono conxunto para acceder aos tres museos por 3 euros.
Ademais, a entrada continuará sendo gratuíta para as persoas que conten coa Tarxeta Cidadá e para os menores de catro anos.