Os ourensáns Guillermo Arenas e Leire Carrera competirán no Open de Xénova de Jiu Jitsu

OurenseXa
A cita suporá o debut internacional de Carrera, da man do seu adestrador Felipe Iglesias, subcampión mundial e seleccionador galego
Guillermo Arenas
Guillermo Arenas
29 Jan 2025

Os jiujitsukas do Judo Club Marbel Leire Carrera e Guillermo Arenas participarán no Aberto Internacional de Xénova de Jiu Jitsu 2025 nas categorías sénior e júnior (sub 21), que se disputará entre os días 31 de xaneiro e 2 de febreiro en Xénova (Italia). Unha proba que marca o comezo oficial da tempada.

Ambos participarán na categoría de Loita. Guillermo na sénior de -69 quilos e Leire na sub 21 de -57 quilos. Carrera converterase na sexta integrante do club ourensán en participar nun campionato internacional, mentres que Arenas xa conta con experiencia en europeos e mundiais.

O seu adestrador no Judo Club Marbel, o subcampión mundial e seleccionador galego Felipe Iglesias, asegura que o obxectivo de Arenas no torneo será “competir e mellorar o realizado nas anteriores citas internacionais, especialmente no control mental e na estratexia durante o combate”. O torneo é puntuable para o ránking internacional e contará coa presenza do número un do mundo.

En canto a Leire, no seu debut internacional o obxectivo será “aprender e coller experiencia nun ambiente moito máis esixente que os torneos nacionais. Unha vivencia moi valiosa para o seu crecemento competitivo”.

A competición disputarase no Palasport de Xénova, situado no barrio do Foco, á beira do río Bisagno. O recinto é unha construción con capacidade para case 15.000 espectadores e foi inaugurado en 1962, sendo unha novidade técnica no seu momento. Foi sede do Mundial de Voleibol de 1992, do Mundial de Atletismo Cuberto de 1992 e de diversas competicións de motocross indoor. Reformado en 2024 e reducido a 5.000 prazas, é actualmente a sede do club de baloncesto Atlético Xénova. A cidade conta con 850.000 habitantes e está situada no norte de Italia.

 

 

 

 

0.17708492279053