Os participantes do Parlamento Infantil de Amencer coñecen o funcionamento da Deputación de Ourense

O Salón de Plenos da Deputación de Ourense acolleu este sábado unha nova edición do Parlamento Infantil organizado pola Asociación Xuvenil Amencer, unha actividade que permitiu aos participantes achegarse ao funcionamento das institucións públicas e coñecer o papel que desempeña a administración provincial.
O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, recibiu os nenos e nenas e explicoulles como se desenvolve un pleno provincial e cal é o labor da Deputación na cooperación cos concellos da provincia.
Durante o encontro, os participantes puideron formular as súas preguntas e coñecer de primeira man o funcionamento da institución. Fernández destacou a importancia da cooperación institucional e sinalou que 'a Deputación, como concello dos concellos que é, ten a súa razón de ser na cooperación institucional'.
Tras coñecer o funcionamento da administración provincial, os rapaces e rapazas constituíron o seu propio pleno, no que debateron diferentes propostas que se incorporarán á programación da asociación xuvenil Amencer.
A iniciativa busca achegar os máis novos á vida institucional e fomentar a súa participación, ofrecéndolles un espazo no que poidan expresar as súas ideas, debater e coñecer os mecanismos de toma de decisións públicas.