Os populares súmanse ás críticas polas Festas de Ourense

OurenseXa
“Ourense non ten precedentes dunha programación tan pésima”, denuncia a portavoz do PP no Concello, Sonia Ogando
Festas de Ourense 2024
25 Xuño 2024

O Grupo Municipal do Partido Popular fai un balance negativo das festas de Ourense, unha vez finalizadas. “Ourense non ten precedentes dunha programación tan pésima”, denuncia a portavoz, Sonia Ogando.

Os populares fixéronse eco de numerosas queixas propiciadas da nefasta xestión e planificación do alcalde e o seu grupo de goberno. “Os hostaleiros da Praza Maior sufriron un veto nos días de máis clientela do ano, pois o alcalde decidiu colocar os postos de comida e bebida do Mercado Medieval bloqueando os seus locais e terrazas”, critica a edil.

Nesta liña, destaca tamén que os feirantes das barracas falan dun fracaso absoluto. “Ademais de estar mal situados, o goberno local decidiu levar colchonetas inchables e actividades gratuítas para os nenos, no Xardín do Posío”, explica a concelleira.

Por outra banda, Sonia Ogando lamenta que “o alcalde decidise acurtar os días de festa restándolle a importancia que teñen e que privase aos veciños de Ourense de desfrutar de grandes concertos como era o habitual con outros gobernos da historia recente da cidade”.

O Partido Popular critica tamén a falta dunha programación deportiva durante a celebración das festas patronais. “Nunca se viviron unhas festas nas que non houbera en paralelo organizadas actividades deportivas. Sempre foi o Consello Municipal de Deportes o que organizaba e incorporaba actividades para todas as idades e todos os días”, lembra a portavoz, quen tamén xulga “a ausencia de actividades culturais e do concurso de fogos de artificio”.

“Se realmente se gastaron os 400.000 euros que hai na partida, onde están eses cartos?”, pregúntase a edil.

0.20496296882629