Os PSOE pide diálogo entre a Xunta, o Concello e os praceiros para sacar adiante o plan funcional da Praza de Abastos

As e os edís do grupo municipal socialista visitaron esta mañá as instalacións da Praza de Abastos número 1 para comprobar a situación actual da obra de rehabilitación e as actuacións pendentes que quedan por rematar para que os e as praceiras poidan volver ao seu lugar de traballo definitivo.
“Urximos que no próximo mes de marzo estea listo xa o novo plan funcional consensuado e se proceda á redacción do proxecto e a poñer en marcha os compromisos económicos por parte das administracións para a súa licitación e adxudicación neste 2025. Estamos ante unha das máis importantes e ambiciosas intervencións urbanísticas da historia da nosa cidade e non nos podemos permitir máis retrasos na que debería ser a mellor praza de abastos de Galicia, e unha das mellores de España”, incide a portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González.
Instan neste senso, a que se reúna novamente a Administración local, a autonómica e a Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos para dar solución definitiva aos asuntos que quedan pendentes de resolver. “Urxe unha coordinación entre as tres partes para a execución e continuación das seguintes fases das obras”, puntualiza a tamén secretaria xeral do partido na cidade.
Tamén solicitan que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome organice xornadas de portas abertas para que a cidadanía coñeza a grandeza dunha “xoia arquitectónica” que, ademais, debe servir como espazo dinamizador da economía e a cultura ourensá.
“O grupo municipal socialista apostará sempre e defenderá este proxecto estratéxico que nós puxemos en marcha dende o goberno entre 2007 e 2012, ademais de estar a disposición de todas as partes para colaborar ou apoiar todo aquelo que supoña darlle continuidade e poder rematar coa súa apertura ao público o máis cedo posible”, remata contundente.