Os Roteiros Temáticos de Allariz inauguran a tempada cunha visita á Cibdá de Armea

Este sábado arranca en Allariz o programa de Roteiros Temáticos 2026 cunha primeira proposta centrada na visita á Cibdá de Armea, un dos enclaves arqueolóxicos máis destacados do municipio.
A actividade terá lugar o 20 de xuño ás 19:00 horas e permitirá coñecer este espazo histórico a través dun percorrido guiado por persoal especializado, co obxectivo de achegar á veciñanza e ás persoas visitantes unha nova forma de descubrir o patrimonio local.
A iniciativa está organizada polo Concello de Allariz en colaboración con Xeitura Coop, e forma parte dun programa co que se busca poñer en valor diferentes elementos patrimoniais do municipio mediante visitas temáticas.
As persoas interesadas deberán realizar inscrición previa, xa que as prazas son limitadas. A organización habilitou o teléfono 609 47 49 76 e o correo turismo@xeitura.com para máis información e reservas.