Os senadores do PP por Ourense reclaman explicacións ao Goberno polas incidencias no servizo ferroviario

Os senadores do Partido Popular por Ourense, Rosa Sánchez Gándara, Francisco José Fernández Pérez, Carmen Leyte Coello e José Manuel Baltar Blanco, rexistraron unha batería de preguntas no Senado para solicitar explicacións ao Goberno sobre as incidencias que afectan ao servizo ferroviario na provincia e reclamar actuacións urxentes para mellorar o seu funcionamento.
Os representantes populares sosteñen que a situación responde á falta de mantemento, investimento e planificación por parte do Executivo central, o que, segundo indican, provocou un incremento das avarías, atrasos, cancelacións e transbordos por estrada que afectan aos usuarios do ferrocarril.
Na iniciativa parlamentaria, os senadores lembran as incidencias rexistradas os días 8 e 9 de xullo por unha avaría na catenaria á altura do Irixo, que ocasionou atrasos, cancelacións e transbordos por estrada en servizos Avant, Avlo, Alvia e de alta velocidade. Segundo sinalan, estes problemas afectaron ás conexións entre Ourense, Santiago, Vigo, A Coruña e Madrid e consideran que este tipo de episodios deixaron de ser casos illados para responder a unha deterioración progresiva da infraestrutura ferroviaria, especialmente na provincia ourensá.
A través das preguntas presentadas no Senado, os representantes do PP solicitan ao Goberno información sobre as causas das incidencias, o número de avarías rexistradas nas últimas semanas, os investimentos executados e previstos na rede ferroviaria, así como un calendario de actuacións para corrixir as deficiencias detectadas. Tamén preguntan polas medidas que se prevén adoptar para reforzar o mantemento da infraestrutura.
Ademais, requiren información sobre as compensacións previstas para as persoas viaxeiras afectadas polas incidencias e preguntan ao Ministerio se considera que o actual servizo ferroviario reúne os estándares de calidade e fiabilidade que debe ofrecer un servizo público esencial.
Os senadores populares aseguran que “Mentres o Goberno presume de alta velocidade, os cidadáns e as empresas da nosa provincia soportan semana tras semana atrasos, avarías e incerteza nun servizo esencial para a mobilidade, a actividade económica e a cohesión territorial”.
Desde o PP consideran que o Ministerio de Transportes debe impulsar de maneira inmediata un plan extraordinario de mantemento e investimento, acompañado dun calendario público de actuacións que permita recuperar a fiabilidade das conexións ferroviarias e reducir as incidencias que afectan aos usuarios.
Por último, os catro senadores reiteran o seu compromiso de continuar promovendo iniciativas parlamentarias para defender os intereses da provincia e reclamar ao Goberno que adopte medidas para mellorar o servizo ferroviario en Ourense.