Os socialistas acusan a Jácome de non acudir a Fitur porque “se avergoña do seu traballo” en materia de termalismo

OurenseXa
“Dende o executivo de Jácome din que esa feira non vale para nada, pero outras cidades, comunidades autónomas e países si asisten”, puntualizan sobre a ausencia institucional en Fitur
J.A.V.Barquero, Natalia González e Alba Iglesias
J.A.V.Barquero, Natalia González e Alba Iglesias
23 Jan 2025

“O que está a facer dende o mes de maio o goberno municipal é rirse da cidadanía. Porque cando falamos de termalismo moitas veces se pensa en potenciais visitantes que poidan vir a desfrutar da nosa riqueza. Pero quen realmente deberían ter á súa disposición estes recursos naturais son as e os ourensáns”, sinalou o edil do PSdeG no Concello José Ángel Vázquez Barquero este martes tras as últimas medidas anunciadas polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, en materia de termalismo, así como ás explicación dadas polo rexedor para non acudir a Fitur.

Nas Xuntas de Área desta semana fíxose evidente que o executivo coñecía as filtracións da piscina termal cando se encheu a piscina en maio e comprobaron que había filtracións pero o negaron porque durante 8 meses non fixeron absolutamente nada ao respecto”, recriminou ante a inacción do goberno de Democracia Orensana.

E recordou que tamén quedou patente que a capital termal de Galicia non contaría con representación institucional do actual goberno en Fitur. “Somos a capital termal de Galicia e non o somos por unha etiqueta que nos autoimpuxeramos nós. Foi o Parlamento autonómico o que nos concedeu ese status”, describiu o edil.

“Dende o executivo de Jácome din que esa feira non vale para nada, pero outras cidades, comunidades autónomas e países si asisten. A cuestión é que eles se avergoñan do seu traballo e, por extensión, do termalismo da nosa cidade e iso é algo que non podemos consentir”, puntualizou e engadiu que tampouco asistiu o alcalde á presentación do Plan Termal que a semana pasada tivo lugar en Ourense.

A portavoz dos e das socialistas, Natalia González Benéitez, lembrou que a semana pasada tamén tivo lugar unha Xunta de Voceiros na que o propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, trasladaba á oposición que as obras recepcionadas polo Concello de Ourense para rehabilitar a piscina termal das Burgas presentaban eivas por non impermeabilizarse a instalación. “Anunciou a posibilidade dunha futura explotación ou concesión privadas para a xestión do complexo e nós manifestamos que o rexedor e o seu executivo obstruíron a nosa labor de fiscalización durante meses”, expuxo.

“O goberno incluso manifestou, no pleno ordinario deste mes, que a piscina se abriría de xeito inminente e na posterior Xunta de Voceiros cambiaba de criterio e recoñecía o que denunciamos semanas atrás sobre a existencia de eivas nas obras que supoñían un custo adicional duns 125.000 euros”, relatou sobre a cronoloxía dos últimos acontecementos e a necesidade doutra nova obra para poder abrir ao público a instalación.

Neste senso, as e os socialistas esixiron que se diriman as responsabilidades precisas, á maior brevidade, e que se aclare se o erro corresponde á empresa adxudicataria ou a quen planificou a remodelación. “Tamén reclamamos a copia do expediente que segundo Jácome se poría en marcha para a explotación privada da piscina e, despois de dita solicitude, recibimos unha resposta de Alcaldía na que se sostén que non existe ningún expediente incoado polo executivo municipal”, resumiu a socialista aos e ás xornalistas. “Isto nos leva a pensar que o rexedor continúa a mentir e non ten un plan B para as instalacións e que entra en contradicións continúas respecto ás súas propias versións”, advertiu a portavoz

Segundo valoraron as e os edís, trátase dunha “neglixencia política e un ataque ao proxecto termal da cidade” e criticaron que os máximos responsables das concellerías de Infraestruturas e Termalismo. “Sabían que existían problemas de impermeabilización e que esa piscina non se podería reabrir”, incidiu engadiu na necesidade de que o executivo local comece a traballar a prol dos recursos da veciñanza.

 

 

0.1660430431366