Os socialistas acusan ao PP de Ourense de apoiar ao goberno de Jácome para ”apuntalar as súas cadeiras”

OurenseXa
Respecto ás informacións que sinalan que o PP apoiaría o orzamento, acusan aos populares de “antepoñer o seus intereses persoais e políticos aos dos e das ourensás” e piden que se escoiten as propostas da oposición
María Fernández Ojea, grupo municipal socialista de Ourense
María Fernández Ojea
25 Apr 2025

Dende o grupo municipal socialista lamentan que o tan anunciado orzamento que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou a través das súas redes sociais que levaría a pleno no mes de maio para a súa aprobación non sexa máis que “un plan financieiro” ao non contar con investimentos de gran relevancia que a terceira urbe de Galicia precisa.

“Un presuposto municipal sen investimentos é, máis ben, un plan financieiro se non inclúe partidas orzamentarias destinadas á adquisición de bens de capital ou á realización de obras públicas. Todo elo tradúcese en que o diñeiro da veciñanza se destine, principalmente, a gastos correntes e descarte mellorar infraestruturas ou novos proxectos de calado a longo prazo”, expón a edil María Fernández Ojea.

Neste senso, as e os socialistas temen que “as grandes demandas dos barrios rurais poidan quedar, novamente, fóra das actuacións do executivo de DO” pese a ser obras e servizos que non revirten complexidade algunha, senón vontade. “O gasto social, pese ao aumento do 30% anunciado polo alcalde, tampouco repercutirá nunha mellora dos servizos sociais e a recuperacións dos programas desmantelados polo executivo”, advirte a voceira dos e das socialistas no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez.

Así as cousas dende o grupo municipal afirman que, cando se reciba a documentación do expediente, o estudarán en profundidade para realizar as aportacións que consideran esenciais para a veciñanza. “Aínda que levemos anos entre o escurantismo e a ausencia de transparencia do executivo de DO, agardabamos que nun asunto tan importante como o presuposto para a cidade se actuase conforme á responsabilidade institucional que ostenta o rexedor e o seu equipo de goberno”, destacan.

Posible apoio do PP

Respecto ás informacións que sinalan que o PP apoiaría o orzamento, como aconteceu co do Consello Municipal de Deportes onte, e a pesares de non coñecer o proxecto, dende o grupo municipal socialista lembran que como representantes públicos da cidadanía “non poden antepoñer o seus intereses persoais e políticos aos dos e das ourensás”.

Máis preocupados do que acontece no Pazo Provincial, no que hoxe se celebra un Pleno para a aprobación dunha modificación orzamentaria de máis de 40 millóns de euros, o Partido Popular elixe apuntalar ao alcalde no Concello malia non ser necesario. “Nós falamos de proxectos e políticas públicas que melloren a vida das persoas, mentres eles consideran prioritario asegurar as súas cadeiras”, rematan contundentes.

⚙ Configurar cookies
0.15621209144592