Os socialistas critican a negativa do PP  para sacar adiante as súas iniciativas sobre exclusión industrial e sanidade

OurenseXa
O PP rexeitou a moción sobre Proxectos Industriais Estratéxicos e criticou outra iniciativa socialista en materia sanitaria, que finalmente saíu adiante co apoio da oposición
grupo-provincial-socialista-psoe-ourense
30 May 2026

O Grupo Provincial Socialista levou ao pleno da Deputación de Ourense dúas iniciativas centradas na situación industrial da provincia e na sanidade pública, que tiveron resultados distintos na votación. Mentres a proposta sobre equidade territorial nos Proxectos Industriais Estratéxicos da Xunta foi rexeitada polo voto en contra do PP e a abstención do BNG, a relativa á defensa da sanidade pública e dos hospitais comarcais saíu adiante co apoio do resto da oposición.

A primeira moción pedía corrixir o que os socialistas consideran unha falta de equilibrio territorial na distribución dos denominados Proxectos Industriais Estratéxicos. Segundo expuxo o portavoz socialista na Deputación e secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, Ourense non figura entre os 16 proxectos declarados pola Xunta, que mobilizarán máis de 2.200 millóns de euros e prevén máis de 4.300 empregos.

O texto rexeitado solicitaba que a Deputación trasladase á Xunta o seu desacordo por esta situación, a incorporación de criterios de equidade territorial nas futuras declaracións e a posta en marcha dun plan provincial de captación de investimento industrial, con participación do IGAPE. Tamén pedía información sobre as xestións realizadas pola institución provincial neste ámbito durante o mandato.

Vila criticou o sentido do voto do PP, ao que acusa de non defender os intereses da provincia e de manter silencio ante a súa exclusión dos grandes proxectos industriais autonómicos.

Na segunda iniciativa, o PSdeG centrouse na situación da sanidade pública nos hospitais comarcais, con especial atención ao de Verín e ao de Valdeorras. A deputada Eva Pérez Gamote defendeu a necesidade de recuperar servizos suprimidos e reforzar a atención no rural.

Entre as reclamacións incluíanse a recuperación da Hospitalización a Domicilio (HADO), a reincorporación da Unidade da Dor en Verín e a cobertura da praza de cardioloxía vacante, situación que estaría a xerar demoras significativas nas consultas.

Os socialistas tamén advertiron da elevada derivación de intervencións e tratamentos a centros privados e da alta temporalidade do persoal sanitario, que consideran indicadores dun problema estrutural na xestión da sanidade pública.

Esta moción foi aprobada co apoio de todos os grupos da oposición, mentres que o PP votou en contra ao considerar que a sanidade pública na provincia “funciona ben”, segundo recolleu o debate plenario.

O PSdeG pide que a Deputación inste á Xunta e ao SERGAS a cubrir as vacantes de especialistas, reducir as listas de espera, recuperar servizos eliminados nos hospitais comarcais e reforzar a atención presencial fronte ao incremento das consultas telemáticas.

0.12075591087341