Os socialistas da Peroxa cualifican de “chapuza” as actuacións levadas a cabo pola Deputación de Ourense na OU-0502

OurenseXa
Denuncian que a institución provincial está a mellorar o firme “con grava e chapapote, deixando a estrada nunhas pésimas condicións para a circulación”
OU-0502-a-peroxa
14 Apr 2025

O PSdeG-PSOE da Peroxa considera “escandalosas” as actuacións levadas a cabo pola Deputación na OU-0502 que da acceso á Peroxa. As e os socialistas denuncian un novo episodio de “chapuza” nunha das estradas máis importantes do municipio e pola que transitan a diario centos de vehículos e que se atopa nunhas condicións “lamentables”.

Dende o grupo municipal socialista na Peroxa explican que a Deputación Provincial de Ourense está levando a cabo unha actuación cun investimento de 202.188,12 euros, que segundo se anuncia nos carteis de obra, consiste na reparación do firme con microaglomerado. Sen embargo, tal e como apuntan as e os socialistas “a realidade é que están mellorando o firme con grava e chapapote, deixando a estrada nunhas pésimas condicións para a circulación, o que supón un grave perigo para o tránsito tanto de vehículos coma de peóns”.

“Estamos ante unha nova chapuza en maiúsculas”, afirman dende o PSOE da Peroxa, sinalando que “son xa varios os percances acontecidos ao longo das últimas semanas por mor do mal estado da estrada”. Neste senso sinalan que “foron xa varios os vehículos que sufriron o gretado dos parabrisas debido a impactos da grava, ademais das numerosas manchas de chapapote nos vehículos que transitan pola mesma”. Ademais subliñan tamén que “esta mesma semana houbo que lamentar un accidente, que ocasionou cuantiosos danos materiais no vehículo”.

A voceira do PSdeG-PSOE na Peroxa, Rocío Moreiras Pavón, fai fincapé en que a situación “é totalmente surrealista”, xa que tal e como apunta a Deputación e o Concello “optan por parches cada certo tempo, que non solucionan o problema do firme e que só provocan novos quebradeiros de cabeza á veciñanza que circula pola estrada”. A edil socialista tamén se pregunta “ata cando vai permitir o alcalde da Peroxa esta situación?”, xa que tal e como explica “é tamén o responsable de infraestruturas da Deputación Provincial de Ourense”.

Moreiras Pavón sinala que as obras “son moi perigosas e nas mesmas falta a sinalización axeitada, na que se indique que a estrada está sen pintar, por non falar dos traballos, que son propios doutro século, con quilos e quilos de grava botada sobre o firme e pegada con chapapote”. A voceira socialista considera “inadmisible a actitude do alcalde, ao que acusa de estar instalado na desidia e a inacción” e denuncia que “prefire mirar para outro lado e non asumir as súas responsabilidades como rexedor e deputado provincial responsable das infraestruturas”.

Dende o PSdeG-PSOE da Peroxa subliñan que a situación “é extremadamente grave” e esíxenlle ao alcalde do Partido Popular, Manuel Seoane, que busque solucións “inmediatas” a esta problemática. As e os socialistas tamén estudan a posibilidade de trasladar o caso a Dirección Xeral de Tráfico en Ourense para que revise a estrada e proceda a realizar o informe pertinente, xa que tal e como indican “seguramente será desfavorable e os responsables de obra teñan que tomar medidas ante unha chapuza deste calibre”.

⚙ Configurar cookies
0.15487790107727