Os socialistas de Ourense piden a creación de aparcamentos disuasorios na cidade

OurenseXa
“A cidade conta dende fai décadas cun déficit importante en canto a prazas de aparcamento. Especialmente na zona centro, pero tamén nos distintos barrios”, afirman as e os edís do PSdeG
rua_paseo_ourense_recurso
Rúa do Paseo, Ourense
8 Jan 2025

“A cidade conta dende fai décadas cun déficit importante en canto a prazas de aparcamento. Especialmente na zona centro, pero tamén nos distintos barrios e dun modo significativo nos últimos tempos no de A Ponte dende a chegada da Alta Velocidade. O desenvolvemento de novas infraestruturas deu lugar tamén a novas necesidades para a veciñanza”, comezan explicando os e as socialistas na iniciativa que presentarán no pleno ordinario deste mes do Concello de Ourense.

Lembran, nesta liña, as e os edís do PSdeG que a pesares da aprobación dun Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), un lustro atrás, que contiña propostas específicas para a creación de aparcadoiros disuasorios nas entradas da cidade, así como fomentar o uso do transporte público, “nada se fixo a día de hoxe por parte do actual executivo local”. E entenden que o anuncio reiterado do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de suprimir o servizo da ORA debería levar parello medidas neste eido para mellorar o tránsito de vehículos e persoas.

“Os obxectivos de dito plan, ademais de apostar pola mobilidade sostible, eran reducir o uso dos vehículos privados, potenciar o transporte público e os desprazamentos a pé, nunha cidade moi propicia para isto ao non existir grandes distancias”, sinala a portavoz do PSdeG e secretaria xeral do partido en Ourense, Natalia González.

“Os aparcadoiros disuasorios foron e seguen sendo unha opción empregada con éxito en moitas cidades do noso país nun compromiso con esa mobilidade sostible e representan unha oportunidade para os concellos á hora de reducir o fluxo de vehículos e, en consecuencia, a contaminación nas zonas centro”, remata argumentando sobre a moción.

 

0.16473913192749