Os socialistas esixen á Deputación que tome partido para evitar o peche da Escola Infantil “A Casiña”

O Grupo Provincial Socialista esixe que a Deputación de Ourense se involucre no mantemento da Escola Infantil “A Casiña” e na busca de alternativas axeitadas que posibiliten a continuidade dos servizos educativos e coidados para os máis cativos da zona. “O peche anunciado o pasado 27 de febreiro, de xeito unilateral e sen previo aviso, ademais de deixar tiradas ás familias non presenta alternativas viábeis na entorna para cubrir a demanda existente”, subliña a deputada socialista Elvira Lama.
Asentada sobre terreo público no barrio das Lagoas, en funcionamento desde 1977 e xestionada hai 17 anos por Cáritas Diocesana de Ourense, a escola infantil dispón de 41 prazas e un cadro de traballadores composto por 7 persoas. Segundo explica Lama, “a meirande parte das familias afectadas non pode desprazarse a outros centros educativos alternativos pola distancia e falta de recursos, o que fai que o cerramento signifique un inconveniente loxístico maior ou mesmo un obstáculo insalvable, impactando de cheo á conciliación laboral e persoal dos fogares”.
A deputada socialista abondou na “ausencia de alternativas plausibles ao dispor das familias” cando se realizou o anuncio do peche. “A decisión de Cáritas Diocesana de Ourense sobrevén nun momento en que usuarias e usuarios da Escola Infantil xa tiñan confirmada renovación da súa praza no centro, o cal agrava a situación e incrementa a incerteza por non estar nais e pais en disposición de planificar axeitadamente o vindeiro curso”, dixo esta. Para Lama, “non existen outras opcións no barrio e todo pasa por trasladar a fillas e fillos a centros distantes, con impacto sobre a conciliación familiar e os propios cativos”.
A moción que o Grupo Provincial Socialista levará ao vindeiro pleno da Deputación de Ourense non esquece a situación de desleixo na que quedan as sete traballadoras da escola, interpelando á corporación provincial a “actuar”. “Alén de instar a Cáritas para dotar de continuidade ao centro, xa que non se xustifican as causas económicas esgrimidas para o peche, a Deputación ten que demandar da Consellería de Educación unha intervención de urxencia para atallar os efectos dunha situación que afecta ao benestar e estabilidade das familias e traballadoras, así como á atención e formación dos cativos”.