Os socialistas esixen a Jácome “que se poña a traballar” na Área Rexurbe

OurenseXa
Denuncian que o 60% dos edificios do centro histórico atópanse en estado ruinoso e piden ao Concello que tome medidas para non perder o patrimonio da cidade
casco-historico-ourense
17 Mar 2025

"O 60% dos edificios do centro histórico atópanse en estado ruinoso e, se non se actúa de xeito urxente, pódense perder para sempre, tal e como levamos anos denunciando. A decadencia é evidente e basta con dan un paseo pola zona para comprobalo", denuncia a portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez.

“Que a Concellería de Urbanismo se atope somerxida no caos, como amosa a tardanza á hora de tramitar licenzas, e o desmantelamento hai 3 anos da oficina do PERI” dificulta máis, segundo as e os socialistas, que se traballe axilmente nesta ferramenta que xa foi anunciada no Diario Oficial de Galicia.

"Dende que Gonzalo Perez Jácome goberna esta cidade hai seis anos, as políticas de vivenda e o fomento do comercio local son inexistentes e constitúen, non obstante, dous eixos transversais que deben desenvolverse para dinamizar o casco histórico facéndoo atractivo para revitalizar os edificios que o conforman. Só un 10% dos baixos teñen actividade económica", engade sobre a ausencia de vontade do executivo de DO.

Neste senso, lamentan que, do mesmo modo que aconteceu con outras subvencións millonarias que se perderon por non cumprir cos prazos de solicitude, a Área Rexurbe esmoreza por falta de planificación e traballo. "Ourense non se atopa en condicións de seguir perdendo oportunidades", incide.

As e os socialistas consideran tamén, identificadas as necesidades e deficiencias do casco histórico, unha oportunidade perdida a delimitación da Área Rexurbe porque o 40% do casco vello queda excluído da mesma. "Trátase dun 'bypass' pouco ambicioso por parte da Xunta de Galicia, o que non quere dicir que poida converterse nunha boa nova se a Administración local se pon a traballar arreo para aproveitalo", rematou a voceira do PSdeG.

⚙ Configurar cookies
0.051567077636719