Os socialistas esixen á Xunta unha solución ante o peche da Escola Infantil A Casiña

As socialistas levarán ao Parlamento de Galicia o peche da escola infantil A Casiña ante o que consideran un agravio contra un barrio que se caracteriza por ser un “oasis educativo” ao dispor de centros para todas as idades e etapas formativas para as familias residentes nel. A portavoz do grupo municipal no Concello de Ourense e secretaria de política Social do PSdeG, Natalia González Benéitez; a deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez; e a deputada no Hórreo, Carmen Rodríguez Dacosta, reuníronse onte con representantes dos pais e nais das crianzas afectadas para recoller as súas inquedanzas e bordar posibles solucións.
A resposta ofrecida pola Consellería de Política Social resulta, para as familias e para as socialistas, a todas luces insuficiente posto que só contempla recolocar noutros centros aos nenos e nenas que actualmente se atopaban escolarizados, pero non a aqueles que o vindeiro ano entrarían de nova matrícula á escola infantil. Un centro que, por outra banda, ten ás súas costas 50 anos de actividade e que nos últimos 17 ven xestionando Cáritas.
Actualmente conta con 41 prazas, e cun cadro de persoal de 7 traballadoras, que da resposta tanto ás necesidades de desenvolvemento cognitivo da cativada como ás de conciliación real e efectiva dos seus pais e nais. “O seu peche constitúe para nós toda unha declaración de intencións da política educativa do PP logo de coñecerse a finais de 2024 que o executivo de Rueda decidiu devolver máis de 22 millóns de euros de fondos europeos destinados á creación de 3.200 prazas públicas de Educación Infantil de 0 a 3 anos”, lembra Natalia González.
“Esta decisión, que lle foi comunicada ás familias o pasado 27 de febreiro, xerou desacougo polo que supón non ter asegurado a que centro serán destinados os seus fillos e fillas, implicando trastornos no desprazamento ata os mesmos, e tendo en conta que fan falla 150 prazas para esta etapa educativa na cidade ao quedaren este número de familias sen unha en exercicios anteriores”, incide a secretaria de Política Social do PSdeG.
Así as cousas, as socialistas esixirán no Hórreo que o goberno autonómico aposte pola Educación Infantil en Ourense aumentando o número de prazas públicas e ofrecendo unha solución para A Casiña e para que as familias do barrio de As Lagoas con fillos e fillas entre os 0 e 3 anos non se vexan obrigados a desprazarse ata outras zonas da cidade, dificultando a conciliación das mesmas.