Os socialistas esixen ao Concello que mellore as zonas termais da cidade antes de Termatalia
O grupo municipal socialista denunciou a pasividade e nulidade de acción do executivo de Gonzalo Pérez Jácome ante as demandas que expoñen continuamente os distintos colectivos veciñais ou partidos políticos da oposición para mellorar as instalacións termais da cidade de As Burgas. “Nada, absolutamente nada, funciona con normalidade si é que funciona”, expuxo o edil José Ángel Vázquez Barquero en rolda de prensa ante os medios de comunicación.
Lembrou, así mesmo, que aínda que as mocións que se presentan no pleno non teñan carácter vinculante, deberían ser tidas en conta posto que son presentadas e defendidas por representantes públicos electos do mesmo xeito que os que conforman o goberno local. “No mes de marzo, a instancias do grupo municipal socialista, aprobouse unha iniciativa para que o Concello saíse do autoillamento institucional no que estaba inmerso e se buscasen solucións cooperativas para saír da precariedade actual”, incidiu antes de recordar que nada mudou dende entón.
Nesa mesma moción suxeríase que a capital da provincia xogase un papel dinamizador e fundamental na Mesa Termal conformada por representantes da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á que se integrou o Campus Auga. “É urxente pasar da retórica ás actuacións concretas, o que require financiamento e diñeiro enriba da mesa”, afirmou contundente
Neste senso, e logo de preguntar en reiteradas ocasións nas Xuntas de Área e non recibir “máis que evasivas”, as e os socialistas esixen saber cal vai ser o papel do Concello de Ourense na feira de Termatalia que terá lugar a finais do mes de setembro. “É a única en todo o territorio español deste tipo e só recibimos a calada por resposta. É máis, o campus da nosa cidade vai celebrar un congreso internacional sobre a auga, o lóxico sería que o goberno municipal tivera algún tipo de colaboración. E non sabemos se a haberá pero cremos que non porque neste Concello cando non se sabe de algo ou é porque hai algo raro ou porque non se está a facer nada”, defendeu.
Ademais, Vázquez Barquero apremiou ao goberno de Democracia Orensana a abrir a piscina termal de As Burgas, pechada á cidadanía e aos e ás turistas malia que nun inicio se afirmou que as obras de acondicionamento durarían só 5 meses. “Non sabemos cando comezará a estar operativa e non ten visos de estalo nas vindeiras semanas. A capital termal de Galicia é unha entelequia. Esta situación denunciámola dende os diferentes partidos pero tamén asociacións como Amigos das Termas. Cónstanos que levan realizado varios informes sobre esta situación de precariedade. E parece ser que en máis de corenta ocasións dirixíronse ao rexedor para que os e as recibise pero isto nunca ocorreu”, relatou.
Rematou explicando que continuarán realizando o labor de fiscalización que lles corresponde como oposición. “Non descartamos dar un paso máis e asumir parte dos encargos que se lle esixe ao equipo do executivo. Porque nós tamén representamos ao Pleno e pode que mellor incluso do que o fai Jácome”, sinalou.