Os socialistas esixen solucións para que os alumnos do IES Otero Pedrayo non queden sen praza
Tanto o grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense como a deputada no Parlamento de Galicia do partido, Carmen Rodríguez Dacosta, apoiaron as reivindicacións dos pais e nais do alumnado que quedou sen praza para o vindeiro curso no IES Otero Pedrayo. Trátase dun total de 13 rapaces e rapazas que estudaron a Primaria en centros adscritos a dito instituto (Irmáns Villar, Amadeo Barroso e A Inmaculada) e que, debido á falta de previsión da Xunta, terán que comezar, se nada cambia, a etapa Secundaria noutros centros separados dos seus compañeiros e compañeiras.
A portavoz dos e das socialistas no Concello e secretaria xeral da formación política na cidade, Natalia González Benéitez, lamentou que malia terse reunido con representantes da Xefatura Territorial de Educación en diferentes ocasións non se lles dera solución ao problema. “O feito de que só lles ofreceran esperar para ver se ao final non formalizaban a matrícula todos os e as que soliticaron a admisión no IES deixa patente a pasividade do goberno de Rueda”, destacou.
Para reforzar o apoio aos pais e nais ante o executivo autonómico a deputada por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, presentou unha iniciativa no Parlamento ante o que considera “unha ausencia total de planificación por parte da Consellería de Educación”. “Estes nenos e nenas non só se van sentir desprazados dos que si poderán continuar a súa formación no IES Otero Pedrayo, senón que os seus pais e nais terán que enfrontarse ao problema engadido de xestionar o transporte dos seus fillos e fillas a outros centros como o IES Universidade laboral”, explicou.
Ante esta situación, a socialista rexistrou xa o 30 de abril as preguntas de se vai o goberno galego garantir o dereito a cursar estudos ao alumnado que solicitou praza no instituto Otero Pedrayo e a que se debe a falta de planificación da Consellería de Educación cando desde hai anos son coñecedores das prazas precisas para garantir o dereito de adscrición.
“As familias teñen, por lei, dereito a continuar no centro adscrito aos seus colexios”, incidiu contundente e engadiu que instarán ao goberno autonómico a corrixir as deficiencias mediante unha proposición non de lei no Hórreo.