Os socialistas esixen un compromiso real do Concello para a construcción dun novo pavillón en Ourense
Tal e como expresou a voceira do grupo socialista, Natalia González Benéitez, no Consello Municipal de Deportes (CMD) en relación ao recente anuncio do alcalde de que o Concello de Ourense prevé construir un novo pavillón deportivo que sirva para a práctica da ximnasia na cidade, é preciso que se faga “unha proposta seria e buscando a colaboración económica doutras administracións”.
A tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade reciminou ao rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, e ao edil de Deportes, Aníbal Pereira, que se realizase “un anuncio sen contido real” ao preguntar o lugar no que se pensa levar a cabo a obra, e cando se executará, e responder que se trataba “dun anuncio de intencións diante dunha demanda histórica dos clubs de ximnasia”.
As e os socialistas lembran que propuxeron durante o goberno bipartito nunha iniciativa conxunta co BNG, xa no ano 2011, a edificación dun complexo deportivo na zona sur da cidade para cubrir unha demanda que por aquel entón se detectara e para a que a Concellería de Deportes realizou os traballos previos de elaboración dun Plan Director e un Estudio Xeotécnico para o seu emprazamento.
Neste senso, o grupo municipal socialista censura que Democracia Orensana “só venda fume” co anuncio dese novo complexo deportivo e que “non hai previsión nin se levou a cabo ningunha xestión para executalo nos últimos anos”. A construción de ditas instalacións e parte do investimento preciso para erguelas xa foi anunciado hai unha década polo executivo autonómico cando sinalaron que se destinaría un presuposto de 3 millóns de euros para un polideportivo multiusos que sería un referente na ximnasia en toda Galicia. Mais non se chegou a realizar, segundo a Xunta de Galicia, porque os terreos necesarios non foron cedidos.
Por aquel entón, tamén a Deputación se comprometera a colaborar en todo o posible para contribuir á dotación das instalacións promovendo así unha actuación conxunta entre a administración local, a provincial e a autonómica que situara no mapa a Ourense para a práctica das disciplinas que abrangue a ximnasia.
“Ante a parálise do proxecto, e a necesidade dos e das deportistas para adestrar nunhas instalacións dignas e adecuadas, levaremos novamente iniciativas ao Parlamento de Galicia para que, da man de todas as institucións, haxa unha aposta real e un compromiso económico que materialice esta demanda histórica en Ourense”, rematou a portavoz.