Os socialistas instan a Jácome a evitar unha batalla legal cos praceiros

O pasado xoves o goberno municipal aprobaba en Xunta de Goberno Local o requirimento á mercantil Comerciantes Asociados do Mercado de Abastos nº1 de Ourense SL de adaptación do espazo interior para o traslado dos postos para o exercicio da actividade na Praza de Abastos núm.1 do Concello de Ourense.
Neste senso, lembran as e os edís do PSdeG na Administración local que se trata dun paso que se dá por parte do rexedor trala ruptura unilateral das negociacións para a aprobación dun plan funcional consensuado entre Concello, Xunta e praceiros que garantira a continuidade das obras neste inmoble e o financiamento autonómico para a mesma, que ascendía a case 1,5 millóns de euros en dous anos.
A tamén secretaria xeral do partido na cidade engade que "a loita por quen gaña o relato ou a guerra da verdade é unha irresponsabilidade de libro", máis cando está en xogo "o futuro de case 250 familias", o do "foco dinamizador do comercio de proximidade en Ourense" e, de novo, axudas públicas doutras administracións comprometidas.
Polos motivos expostos, as e os socialistas do Concello urxen altura de miras e sentido de cidade para acadar entre todos e todas abrir ao público en condicións a mellor Praza de Abastos de Galicia e unha das mellores de España, sen perder nin euro nin un minuto máis dos que xa se levan perdido na última década.