Os socialistas instan á Xunta a que destine unha partida para a segunda fase da remodelación do campo do Couto

OurenseXa
As edís do PSdeG no Concello de Ourense trasladaron no CMD, novamente, a necesidade de que se corrixan as eivas detectadas trala primeira fase das obras que se levaron a cabo no estadio da cidade
campo-de-futbol-recurso
31 Out 2024

As edís do grupo socialista no Concello de Ourense trasladaron no Consello Municipal de Deportes (CMD), novamente, as eivas detectadas trala primeira fase de remodelación que se levou a cabo no estadio do Couto, algo que xa transmitiron tanto no CMD como no Parlamento de Galicia, a través da deputada Carmen Rodríguez, en reiteradas ocasións. “Tamén insistimos na necesaria e urxente renovación da megafonía das instalacións”, explica a portavoz, Natalia González.

Xa en decembro de 2023, o grupo municipal do PSdeG a través das súas representantes no CMD expuxo que era menester que dende o propio organismo se trasladaran ao executivo autonómico todas as eivas e melloras a levar a cabo antes do remate das obras de remodelación. “En abril, Ourense recuperou, por fin, unha das súas infraestruturas deportivas máis relevantes e a Xunta de Galicia afirmou que o investimento realizado foi de máis de 2 millóns de euros, pero o que semellaba ser unha remodelación integral do estadio resultou ser un parcheo e, dende entón, foron varios os erros de execución que se puxeron de manifesto”, recorda a tamén secretaria xeral do partido na cidade.

Ante a pasividade do goberno local para demandar que se subsanen ditas eivas, as socialistas inciden de novo en que os valados metálicos, a entrada aos locais das federacións deportivas, a instalación da iluminación, os vestiarios, así como o aforro e a eficiencia enerxética deberían corresponder ao estadio digno que merece a cidade. “É evidente, e así se puxo de manifesto nos partidos que xa acolleu o campo, que as obras non foron as necesarias”, puntualiza.

Con todo, sinala que as socialistas presentarán “unha emenda aos orzamentos de 2025 para que se inclua unha partida de 600.000 euros co fin de subsanar as deficiencias denunciadas nas obras xa executadas e outras melloras que o PP deixou fora dos seus presupostos”. “Sempre defendemos que esta era unha obra chave para Ourense e o executivo de Jácome mirou para outro lado a sabendas de que as actuacións que estaba a realizar a Xunta eran un parche”, remata contundente.

0.20759201049805