Os socialistas instan ao Concello de Ourense a sacar adiante o Plan Especial das Burgas

No día de hoxe celebrouse a reunión da comisión de seguimento do Plan Especial do Sitio de Interese Histórico das Fontes Termais das Burgas e do conxunto de interese histórico da cidade de Ourense (PEPOU) despois de 3 anos sen convocarse. Dende o grupo municipal informan de que tanto o concelleiro de Urbanismo como os técnicos municipais trasladaron aos grupos da oposición o estado actual do mesmo, iniciado no ano 2018 e que ten como data límite para a súa aprobación o 31 de decembro de 2028.
Así as cousas, os responsables municipais confirmaron trala revisión do expediente que segundo eles nin sequera se iniciara a tramitación do documento e que fora imposible a contratación da nova cartografía por erros na redaccións dos pregos, a pesar de que todos os grupos avalamos as distintas modificacións de crédito nos últimos anos para que se procedera a súa contratación.
Confirmaron así pois que durante estos 3 anos non houbo ningún avance e que do traballo feito polos técnicos do Concello de Ourense pouco se pode aproveitar, polo que agora prantexan a contratación dun equipo redactor para que se encargue do novo plan, do seu seguimento e da resolución de alegacións que se poidan producir ao mesmo.
Para levar a cabo este procedemento, hai unha semana contrataron xa unha asistencia externa para a redacción dos pregos de licitación por importe de 4.500 euros + IVE, para que nun prazo dun mes sexan entregados os mesmos e dar inicio a un procedemento de licitación cun orzamento de 400.000 euros (nova cartografía incluida no mesmo) que culminaría nunha adxudicación antes do remate do presente ano 2025.
“A nosa valoración desta reunión é que refrendamos o noso apoio á continuidade no inicio da tramitación deste plan especial, maislamentamos e censuramos a inactividade política do goberno de Democracia Ourensana durante estes 3 últimos anos e a súa falta de iniciativa, ademais da derivación de responsabilidades nos funcionarios municipais previamente encargados deste traballo, que sufriron o desmantelamento da oficina técnica do PERI e o acinamento das súas dependencias na Concellería de Urbanismo”, destaca a portavoz dos e das socialistas, Natalia González.
“Que o actual executivo teña que recorrer agora a unha empresa externa como mellor opción, despois de anos perdidos e como única solución, tampouco nos convence. É hora de que empecen a traballar en serio nos documentos chave para o futuro desenvolvemento urbano, termal e turístico de Ourense. Sempre da man dos grupos políticos da oposición a través desta comisión de seguimento que debe manterse no tempo e coa periodicidade axeitada non como ata o día de hoxe fixeron”, remata contundente logo da reunión