Os socialistas lamentan "o caos administrativo no que está sumido o Concello de Ourense"
A edil do PSdeG María Fernández Ojea recriminou ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que se adique a ser presidente de comisións de festas no canto de xestionar a terceira cidade de Galicia. “Ningunha empresa quere concorrer ás licitacións deste Concello porque non cobran e é gravísimo. Tampouco é culpa do funcionariado que o periodo medio de pago continúe incrementándose”, defendeu durante o Pleno extraordinario celebrado este martes.
No que se refire ás luces de Nadal afirmou que “máis grave que non poder pagar o alumeamento, e máis grave que non facer ben este contrato por terceira vez”, é que “esta sexa a primeira modificación de crédito que se leva ao pleno”. “Dende o Partido Socialista consideramos que non van ser quen de aboar nin un 5% das facturas que aparecen integradas na conta 413 antes de que remate este exercicio”, vaticinou sobre a pésima xestión económica de Democracia Orensana.
“É o sexto pleno de modificación orzamentaria sobre o Nadal. Encántame o Nadal pero dentro doutros 5 meses chagará aquí outra modificación orzamentaria para pagar os 500.000 euros do ano que vén porque non van ter un presuposto aprobado a 1 de xaneiro e o contrato, que aínda está en licitación, será nulo. Só apuran con esta factura para que a empresa que vai colocar as luces se presente ao concurso”, expuxo durante a sesión extraordinaria desta mañá.
En referencia a outro dos puntos tratados (a conta 413), aclarou que o Concello de Ourense acumula facturas sen tramitar –tanto por non dispoñer de crédito para elo, como por non estar avaladas por un contrato xurídicamente válido ou ser reparadas por Intervención municipal– e que isto perxudica seriamente ás e aos provedores da cidade. “Habilitar hoxe esta modificación orzamentaria non supón que a xente vaia a cobrar porque as facturas teñen os mesmos problemas con crédito ou sen crédito porque non están respaldadas legalmente para ser aboadas”, sinalou sobre os máis de 10 millóns de euros de débeda acumulados.
Exemplificou o caos administrativo que supón para as arcas públicas o mandato de Democracia Orensana recordando que as facturas da luz están sen aboar dende o ano 2022. “É un problema exclusivamente de vontade política. O ano pasado fixeron 24 modificacións de crédito por un importe de 30 millóns de euros e quedaron sen executar 21”, expuxo a edil.
Por outra banda, a voceira do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, afeou ao executivo local que tardase case un ano en levar ao pleno a modificación orzamentaria para a rehabilitación do edificio municipal situado na praza da Trinidade para destinarse a sede da Oficina de Rehabilitación do Conxunto Histórico da Cidade. “Hai unha parte importante do presuposto que corresponde aos fondos Next Generation, o 60%, e agora habilitaríase o que corresponde á financiación que debe aportar o Concello”, explicou durante a súa quenda de intervención sobre o expediente.
Neste senso, lembrou para argumentar a abstención na votación: “O Ministerio ingresou eses algo máis de 600.000 euros o 8 de setembro do 2023 e mentres tanto este goberno, a pesares de ter redactado o proxecto e parte do procedemento listo, tardou todo este tempo para traer esta modificación de crédito que permita desbloquear as actuacións a realizar. Isto reflicte para nós unha ausencia de vontade política real que se suma á dinamitación da oficina do PERI e a inexistencia de políticas de vivenda”. Advertiu, ademais, que a subvención podería perderse, como aconteceu noutras obras, se o equipo executivo non se apremia a cumprir cos prazos.