Os socialistas no Concello de Ourense piden melloras nas comunicacións con Oira

OurenseXa
Solicitan máis frecuencias nos autobuses, arranxos nas beirarrúas e aumentar as prazas de aparcadoiro
J.A.V.Barquero, Natalia González e Alba Iglesias
Grupo municipal socialista no Concello de Ourense
21 Mar 2025

Dende o grupo municipal socialista no Concello de Ourense reclaman melloras nas frecuencias das liñas de autobús que comunican a zona de Oira co resto da cidade, despois de manter un encontro con representantes da asociación veciñal desta área rural. “Como xa manifestamos en anteriores ocasións, é preciso apostar por fomentar a mobilidade sostible e reducir o uso dos vehículos particulares, adecuando os horarios ás necesidades das persoas que viven nos diferentes barrios mais tamén, neste caso concreto, das que se desprazan ata as diferentes instalacións deportivas e recreativas situadas ao carón do río”, argumentan.

Neste senso, as e os socialistas inciden en que tanto as frecuencias como o percorrido das liñas están obsoletas, ao que se engade a redución de prazas de aparcadoiro que supuxeron as obras de acondicionamento que se foron realizando. “Os horarios de autobús responden máis a necesidades comerciais que as da cidadanía e adaptalos a actualidade é fundamental nunha zona tan dinámica”, expoñen.

Ademais, Oira necesita actuacións que non distan moito doutras detectadas noutras áreas rurais de Ourense como son o desbroce de rúas e a contorna natural; mellor iluminación para aumentar a seguridade; o arranxo de beirarrúas, algunhas das cales foron obxecto de obras recentemente e xa presentan deficiencias; ou contedores en condicións salubres. “A mellora das zonas verdes e a sinalización é unha necesidade común que non se está a atender nos barrios da periferia pagando os mesmos impostos que nos barrios do centro da urbe”, lamentan.

⚙ Configurar cookies
0.12106490135193