Os socialistas ourensáns acusan á Deputación de antepoñer os seus intereses ás necesidades das familias de persoas con discapacidade
O Grupo Provincial Socialista presentará unha proposta no próximo Pleno da Deputación de Ourense para esixir que a xestión do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) sexa pública e directa, tal e como se acordou por unanimidade na sesión plenaria do pasado 20 de decembro.
"A nosa preocupación é máxima porque a reivindicación da provincia e das familias sempre foi clara: unha xestión 100% pública do futuro Centro. Porén, a fórmula elixida pola Xunta contradí estas demandas e supón un agravio comparativo para Ourense respecto das outras provincias galegas", afirmou Álvaro Vila, voceiro socialista na Deputación.
Segundo o deputado socialista, "a decisión de licitar a xestión do CAPD demostra que o PP de Ourense deu prioridade á súa ideoloxía e os intereses de partido por riba das necesidades da provincia e das familias". Vila criticou duramente esta medida, cualificándoa como "un novo agravio do PP cara a Ourense" e unha mostra do desleixo da Xunta polas persoas con discapacidade na provincia.
Decisión cuestionada e factible de reverter
Vila tamén destacou os "claros indicios" de que todo estaba previamente planificado, sinalando a rápida reacción do presidente provincial, que apoiou a decisión da Xunta a pesar de ter defendido e votado recentemente pola xestión pública directa do Centro.
O voceiro socialista subliñou que o futuro CAPD de Barrocás supón un investimento de preto de 10 millóns de euros, con outros 14 millóns destinados á licitación da súa xestión, e denunciou a "incoherencia" do PP ourensán. Segundo Vila, esta postura responde ao interese de entregar a xestión do coidado das persoas con discapacidade a unha empresa privada para o seu lucro.
A pesar de todo, Vila asegurou que a situación é reversible, xa que o Centro aínda non está operativo, o que permitiría tomar medidas para garantir que a súa xestión sexa completamente pública.
O Grupo Provincial Socialista esixiu que a conselleira de Política Social, Fabiola García, ou o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manteñan unha reunión urxente coas familias afectadas, o presidente da Deputación e os grupos políticos provinciais para buscar unha solución inmediata.
Os socialistas critican o papel subordinado da provincia fronte ao PP. Segundo Villarino, "a externalización do CAPD evidencia que as persoas non son unha prioridade para o PP, que prefire delegar a xestión a entidades privadas e aproveitarse do traballo das ONG".
Así mesmo, Villarino destacou a "hipocrisía" de figuras como o presidente provincial ou a deputada Patricia Torres. “O partido de Menor sempre supedita os intereses da provincia aos de partido, querendo entregar agora o coidado das persoas con discapacidade a unha empresa para o seu lucro”.
Os socialistas anunciaron que presentarán mocións en todos os concellos da provincia para defender a xestión pública directa do CAPD de Ourense. "Estamos preparados para esta loita, porque Ourense merece un CAPD público e xestionado directamente pola Xunta, igual que nas outras provincias galegas", concluíu Vila.