Os socialistas ourensáns advirten do “grave prexuízo” que supón para os retornados o voto en contra ao decreto Ómnibus

OurenseXa
O voto conxunto de populares, Vox e Junts paralizou a entrada en vigor do aumento da contía do segundo pagador de 1.500 a 2.500 euros anuais prevista para o ano fiscal 2025
Luis Gulín nun encontro co colectivo de retornados de Maceda
Luis Gulín nun encontro co colectivo de retornados en Maceda
3 Feb 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da secretaría provincial de migración” subliña que o voto en contra do PP ao chamado decreto ómnibus supón un “grave prexuízo” nos beneficios fiscais para os emigrantes retornados. O voto conxunto de populares, Vox e Junts paralizou a entrada en vigor do aumento da contía do segundo pagador de 1.500 a 2.500 euros anuais prevista para o ano fiscal 2025.

Tal e como explican dende a secretaría provincial de migracións milleiros de emigrantes retornados en Galicia cobran principalmente unha pensión española e a maiores outras pequenas por estar algúns anos traballando fóra do país. “Moitas desas segundas pensións son superiores aos 1.500 euros anuais o que obriga a realizar a declaración da renda para o ano fiscal 2024”, apunta o secretario provincial de migracións do PSOE ourensán, Luís Gulín Iglesias. En caso de cobrar, por exemplo, 17.000 euros de pensión española e 2.400 euros de pensión estranxeira, saía nalgúns casos unha media de 500 euros a pagar a Facenda.

“Agora, ca mellora fiscal do segundo pagador paralizada para o ano 2025, o PP de Galicia, e en especial Alfonso Rueda, Rodríguez Miranda e José González, mostraron que non están para defender os intereses dos milleiros de galegos e galegas xubiladas que perciben pensións do estranxeiro”, afirma Gulín. Tal e como apunta “moitos retornados estarían exentos de realizar a declaración da renda se se aumentase a 2.500 euros o límite do segundo pagador, pero o voto do PP impediuno”.

Dende a secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense alerta que “seguimos sen saber nada das promesas electorais do PP de garantir aos retornados de Suíza a asistencia sanitaria gratuíta no caso de non ter dereito a unha pensión española”. Neste senso, Luís Gulín subliña que “o PP de Galicia, coma sempre, segue creando falsas esperanzas, que se fosen responsables do Goberno do Estado, saben perfectamente que non as poderían cumprir”.

Por último, dende o PSdeG-PSOE de Ourense poñen de manifesto que dende a consellería de política social “tampouco hai interese en atender a aqueles galegos preceptores da prestación da dependencia alemá, negando en moitos casos a cualificación ou concesión do grao de dependencia español, creando prexuízos fiscais moi graves”.

 

 

0.13588881492615