Os socialistas ourensáns cuestionan as obras que se están a levar a cabo na senda do Barbaña

OurenseXa
A edil do PSdeG no Concello Alba Iglesias subliña que a senda peonil da Xunta de Galicia está composta na súa maior parte de formigón e que “a priori non semella o material máis axeitado nin para nós nin para á veciñanza”
915C3034-8073-4903-B6BB-BB6C903B1820
Obras no parque Antonio Faílde
1 Ago 2024

A edil do grupo municipal socialista, Alba Iglesias, e a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez, percorreron algúns dos puntos da senda peonil que está a executar o goberno autonómico dende a estación intermodal, no barrio de A Ponte, ata a zona de Mariñamansa. “Temos que prantexar varias preguntas. En primeiro lugar, se esta obra correxirá os problemas de tráfico que se detectan na contorna da estación”, comeza enumerando a deputada.

Neste senso, sinala como necesario saber tamén por que, cando se levantaron as beirarrúas da Avenida das Caldas, non se aproveitou para realizar as obras de saneamento precisas para que se beneficiasen as vivendas do arredor. “En terceiro lugar, queremos saber se se van arranxar de xeito adecuado as beirarrúas da Ponte Romana, un monumento emblemático da cidade de Ourense, que as e os socialistas reclamamos unha e outra vez na pasada lexislatura con escaso éxito”, engade a parlamentaria que trasladará as cuestións ao executivo galego.

Así mesmo, preguntarán pola “tala indiscriminada” de árbores que se efectuou na contorna do parque Antón Faílde cando a cidade adolece cada época estival de altas temperaturas e “calores extremos que van a ir a máis co cambio climático”, expón.

Pola súa banda, a edil do PSdeG no Concello de Ourense subliña que a senda peonil está composta na súa maior parte de formigón e que “a priori non semella o material máis axeitado nin para nós nin para á veciñanza”.

“Ademais, en zonas especialmente naturais, como é a ribeira do Barbaña, pasa unha senda de cemento polo medio e medio. O que, co paso do tempo, previsiblemente provocará que ese material se degrade e acabe contaminando a auga do río e afectando á flora e á fauna”, continúa explicando sobre eivas detectadas.

“Tamén levantaron parques e zonas verdes para substituilo por máis cemento. Esta senda peonil da Xunta de Galicia parece que está moi lonxe de ser sostible e de seguir o modelo de cidades modernas do resto de Europa”, remata a tamén secretaria xeral de Xuventudes Socialistas sobre un proxecto que ten máis de 5 quilómetros de percorrido que atravesarán a cidade.

0.21435284614563