Os socialistas ourensáns denuncian o "estado decadente" do viveiro municipal

OurenseXa
O grupo municipal socialista reclama ao goberno de Jácome que dote de recursos humanos e materiais ao viveiro municipal para o coidado dos espazos verdes de Ourense
Viveiro Municipal de Ourense
11 Xul 2024

“O viveiro municipal de Ourense é unha dotación creada hai xa máis de 27 anos para ser un centro neurálxico da renovación e coidado do patrimonio arbóreo e floral da nosa cidade”, comeza lembrando a portavoz do grupo socialista no Concello, Natalia González Benéitez. “Mais fica, outro ano máis, en situación decadente e de abandono, convertido no que semella outro punto limpo”, engade sobre o estado actual do espazo.

Reclaman as e os socialistas que se lle outorgue o persoal e material necesario para retomar a actividade que alí se desenvolvía “cun orzamento digno por parte da Concellería de Medio Ambiente” á maior brevidade posible. Trátase de que o viveiro recupere a función principal para a que foi creado: subministrar de plantas, árbores e compós á urbe sen ter que recorrer a axentes externos. “Estase a gastar, constantemente, diñeiro en provedores a un prezo esaxerado para as arcas municipais”, explica a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.

Tamén sinalan dende o grupo o enorme potencial dun espazo que hoxe está sendo empregado moi por debaixo da súa capacidade e que, cunha xestión axeitada das instalacións, podería supoñer un considerable aforro para a veciñanza posto que permitiría a producción de plantas, flores e arbustos e evitaría ter que mercalos a través de profesionais do sector privado a prezos moito máis elevados.

O viveiro, inaugurado no ano 1997, conta cunha superficie de 24.000 metros cadrados nos que se emprazan un invernadoiro de plástico, unha malla de sombreo e unha planta de compostaxe para a recollida de residuos verdes, entre outros equipamentos que a día de hoxe son presa do abandono.

0.19686698913574