Os socialistas ourensáns piden a mellora do servizo de limpeza, desbroce e iluminación nos barrios
A veciñanza dalgúns barrios da cidade -especialmente de O Vinteún, A Ponte e O Pino- vén trasladando, nos últimos meses, a súa percepción dun aumento das incidencias no que atinxe a seguridade. É por elo que o grupo municipal socialista levará ao vindeiro pleno ordinario de setembro unha moción para instar ao Concello de Ourense, e demais administracións responsables, a tomar medidas concretas para reconducir a situación.
A pasada semana, a voceira do PSdeG, Natalia González, e a deputada no Congreso, Marga Martín, reuníanse con representantes das asociacións e colectivos veciñais de A Ponte, As Termas, Santa Ana do Pino, Tras Estación, Covadonga, Santa Teresita, Vía Vella de Ponte Canedo, Andén I, Oira, Rúa do 21 e Peliquín para recoller as súas demandas e necesidades nun encontro no que ambas partes coincidiron en que se trata dun problema multifactorial que debe ser atendido polas diferentes administracións públicas e os diversos efectivos de seguridade.
“O propio Concello de Ourense e o seu goberno teñen un papel crucial neste senso, xa que este repunte de incidencias está vencellado ao estado de abandono e decadencia no que se atopan os nosos barrios en materia de limpeza, desbroce, iluminación e outros servizos básicos”, indica a portavoz das e dos socialistas na Casa Consistorial.
Por elo, entre os puntos de acordo que agardan aprobar na sesión deste venres inclúen o de instar ao executivo local a tomar medidas urxentes para a mellora do servizo de limpeza, desbroce, iluminación e servizos básicos nos barrios nos que moitos veciños e veciñas atopan deficiencias.
Tamén se solicitará ao executivo municipal, aos representantes institucionais e de corpos e forzas de seguridade abordar de maneira específica esta problemática dentro da orde do día da vindeira Xunta Local de Seguridade en Ourense. Así como promover, por parte das administracións responsables e competentes, todas as accións oportunas para implementar a coordinación, vixianza e actuacións en materia de seguridade nos barrios de A Ponte, O Pino e o Vinteún, así como naqueles lugares onde sexa preciso ante o repunte de incidencias dos últimos meses.
Con todo, Natalia González subliña que “a chegada da Alta Velocidade e o notable incremento turístico vencellado á mesma converteron a Estación Empalme e os seus arredores nun lugar de moito tránsito e tamén de maior actividade delitiva a pequena escala”, pero que o que se reclamará no pleno, ademais de aportar solucións ás problemáticas actuais, son medidas disuasorias e preventivas para que todas as zonas susceptibles de melloras se vexan atendidas polo executivo de Gonzalo Pérez Jácome.