Os socialistas ourensáns piden a prolongación da AG-31 entre Portugal e Celanova

OurenseXa
Dende o PSdeG-PSOE lembran que as competencias nesta infraestructura correspóndenlle á Xunta de Galicia
ag-31
AG-31
30 abr 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter un encontro con representantes socialistas na bisbarra de Celanova para escoitar as súas inquedanzas e recoller as reclamacións e informacións dos diferentes municipios. A reunión asistiron representantes do PSOE ourensán en tódolos niveis, tanto provincial, como nacional e autonómico, que tomaron boa nota das necesidades da comarca.

No encontro participaron o senador e secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; a deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez; a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; e o voceiro do grupo provincial socialista, Álvaro Vila Araújo; que escoitaron atentamente aos concelleiros, concelleiras, alcaldes e alcaldesas da comarca.

O obxectivo da reunión en palabras das e dos socialistas “é facer unha labor de territorio para desenvolver un proxecto provincial socialista bisbarra a bisbarra, co que construír un plan de futuro para a provincia”. Durante o encontro tratáronse diferentes temas que afectan as Terras de Celanova, tanto aos niveis local, provincial, autonómico e nacional.

Un dos puntos principais de debate foi a prolongación da AG-31 dende Celanova ata a fronteira portuguesa. “Queremos volver a poñer este proxecto enriba da mesa”, sinalaron as e os representantes socialistas, que tamén lembraron que “é unha obriga da Xunta de Galicia, pois ten as competencias nesta infraestrutura, pero unha e outra vez están esquivando a súa implocación co territorio, cando non propoñen completar unha autovía, que dende o lado portugués están propondo levala a cabo”.

“Por que primeiro Feijóo e agora Rueda se negan a darlle esta posibilidade de saída cara Portugal aos nosos empresarios e veciñanza?”, pregúntanse dende o PSdeG-PSOE de Ourense. Os e as socialistas acusan ao goberno autonómico do Partido Popular de “enganar á poboación unha e outra vez, desviando a pelota ao tellado do Goberno central, cando se trata dunha infraestrutura de competencia autonómica”. Neste senso tamén lembran que “o que en Ourense non son capaces de facer, noutros lugares acaban levándose a práctica”.

Desde a súa apertura, en 2013, o eixo viario ten visto incrementado nun 40% o tráfico de vehículos, sendo dun 74% o incremento no caso dos vehículos pesados. A AG-31 supuxo un evidente progreso para a comarca de Celanova, achegando a vila á capital provincial, ofrecendo a posibilidade de residir aquí, mesmo se o posto de traballo se atopa en San Cibrao ou Ourense. Unha construción, que en palabras dos e das socialistas “permitiu mellorar as comunicacións coas localidades próximas, reducindo o tempo de viaxe nunha media do 40%, gañando os condutores en comodidade e seguridade e dinamizando a vida da comarca de Celanova”.