Os socialistas ourensáns piden ao Goberno Municipal que organice un acto para conmemorar o centenario de Arturo Baltar
O grupo municipal socialista levará ao vindeiro pleno ordinario deste mes de xaneiro unha iniciativa para que o Concello de Ourense se implique en revitalizar o Belén de Baltar e organice un acto institucional para conmemorar a figura do seu autor co gallo do centenario do seu nacemento.
“A visita ao seu belén converteuse nun dos actos centrais da inauguración do Nadal durante moito tempo, pero nos últimos anos padece un declive importante pola falta de implicación do actual goberno local, e tamén de outras administracións, ante a ausencia de compromiso na aposta polo noso patrimonio e identidade cultural e como reclamo turístico”, lamenta a voceira do PSdeG, Natalia González.
“Neste pasado 2024, xusto cando se cumpriría o centenario do nacemento de Arturo Baltar, un dos grandes artistas da nosa cidade que nos deixou un legado único coa súa obra, e que conta con esculturas e ilustracións en espazos museísticos de Galicia e España; as administracións públicas, e concretamente o Concello de Ourense, esquecéronse del obviando conmemorar a súa traxectoria e contribución á nosa cidade”, engade sobre un dos principais obxectivos da moción.
Neste senso, as e os socialistas reclaman no texto rexistrado que se mellore a sinalética, se adapten e axusten os horarios segundo as épocas do ano, se incremente a información turística, e se acometan as obras precisas para a mellora e acondicionamento do belén.