Os socialistas piden a Jácome que modifique as bases das axudas para comedores escolares
O grupo municipal socialista reitera a súa petición ao goberno de Jácome para que adecúe a contía das axudas para comedor escolar ás necesidades reais e actuáis das familias ourensás. “Hai dous anos, no mes de agosto, xa reclamábamos unha convocatoria extraordinaria para atender ás máis de 100 persoas que, aínda cumprindo os requisitos, quedaban sen recibir esta prestación da Administración local”, lembra a portavoz do PSdeG no Concelllo, Natalia González.
Tanto naquela ocasión como ao coñecerse a lista de excluídos do ano pasado, as e os socialistas urxiron a un cambio nas bases. “A un mes de que comece o novo curso escolar atopámonos na mesma situación e outras 100 familias volverán a quedar sen esta bolsa, salvo que o executivo priorice ampliar unha partida que consideramos esencial fronte a outras máis superfluas. Resulta frívolo preocuparse polas luces de Nadal en xullo e deixar sen axudas para comer á cativada da cidade en agosto, nuns meses nos que, ademais, o gasto das familias se incrementa considerablemente para facer fronte á volta ao colexio dos seus fillos e fillas”, incide a tamén secretaria xeral do partido en Ourense.
Recorda, neste senso, que en febreiro do presente ano voltaron a pedir que se modificasen as bases, a sabendas de que levan demasiado tempo resultando insuficientes, e que o executivo de Democracia Orensana respondeu na Xunta de Área que de momento non contemplaba facelo. “Estamos a falar de que hai, na nosa cidade, núcleos familiares cunha renda per cápita anual inferior aos 3.700 euros, menos de 310 euros ao mes, aos que se lles denega unha axuda que se estableceu para garantir que as e os nenos tiveran, alomenos, unha comida saudable e acorde as súas necesidades biolóxicas ao día”, destaca a socialista.
Así as cousas, dende o grupo do PSdeG insisten en que dende a área de Asuntos Sociais debe darse cobertura ao centenar de familias que quedaron excluídas e modificar “dunha vez por todas” os requisitos que se esixen ás e aos ourensáns para acceder aos 90 euros de axuda.