Os socialistas piden á Xunta que dea marcha atrás ao “desmantelamento” do Centro de Orientación Familiar de Ourense

As e os socialistas defenderán con diferentes iniciativas, tanto no Concello de Ourense como no Parlamento de Galicia, a Sanidade pública e para incidir no que xa denunciaron anteriormente ante os informes desfavorables do servizo de Urbanismo da Administración municipal cando a Xunta de Galicia solicitou licenza para a construción do novo Centro de Saúde Integrado (CIS) Nóvoa Santos. “Algúns dos argumentos para rexeitar o proxecto deixaban patente que non garantía nin a accesibilidade nin a funcionalidade das instalacións”, recorda a portavoz do PSdeG no Concello, Natalia González Benéitez.
Neste senso, lembran que o goberno autonómico decidiu apelar ao uso da lei ‘exprés’ para continuar adiante sen atender ás reticencias dos técnicos e dos profesionais sanitarios e que o edil de Urbanismo, en Xunta de Área, respondeu ás socialistas que non se poría ningún impedimento por tratarse dun asunto de interese público.
“Parécenos moi grave que o executivo de Alfonso Rueda vaia demoler o actual edificio sen datas para o inicio da nova obra, sen licitación e sen estar resoltas as alegacións da veciñanza”, advirte a deputada no Parlamento de Galicia Carmen Rodríguez Dacosta.
Tamén consideran imprescindible que a Xunta recúe ante a decisión de suprimir o Centro de Orientación Familiar (COF). “Trátase dun emblema da atención á muller na cidade de Ourense e na provincia, quedando desmantelado sen ter informado ás persoas potencialmente afectadas, algunhas das cales se atopan en situación de forte desigualdade”, denuncian contundentes.