Os socialistas reclaman ao Concello de Ourense "que non deixe morrer o servizo de Xantar na Casa"
Dende o grupo municipal do PSdeG veñen de preguntar nas Xuntas de Área cal é o persoal para a xestión do servizo de Xantar na Casa e se se vai a publicitar por parte da Administración local “ou deixar que desapareza”. A resposta, sinala a voceira dos e das socialistas, foi o “silencio”.
Advirte, ademais, de que se tardou case medio ano en implantar o programa e que cando rematou o Comedor sobre Rodas había 58 persoas usuarias fronte aos 37 actuais (máis 5 que estarían pendentes de alta), o que supón un 20% menos. “O 27 de marzo o Concello de Ourense deixou de prestar o servizo anterior, que desde o ano 2008 ofrecía una comida diaria a persoas dependentes ou en risco de exclusión. Dito servizo chegou a ter case 400 usuarios ao longo da traxectoria do mesmo”, destaca a tamén secretaria xeral do partido na cidade.
“O goberno de Gonzalo Pérez Jácome non se preocupa de dar resposta a unha necesidade básica para persoas dependentes e maiores que viven soas. Insistimos en que é imprescindible ofertalo e xestionalo apropiadamente para que non acabe desaparecendo por completo en pouco tempo. O caos e a desidia do alcalde amosada pola prestación do servizo quedou patente ao deixar morrer o Comedor sobre Rodas e non ter previsto nada mentres se poñía en marcha o Xantar na Casa”, advirte a portavoz socialista, Natalia González Benéitez.
Neste senso, lembra que o reparto dos alimentos que se efectua actualmente se realiza un día á semana, mentres que o programa anterior servía de termómetro para comprobar que as persoas se atopaban en bo estado e se alimentaban, según o pautado especialmente para elas, día a día.