Os socialistas sinalan que a documentación presentada sobre o proxecto do Parque Canedo contempla numerosas anomalías
O Pleno do Concello de Ourense conseguiu aprobar este venres, cos votos a favor de Democracia Ourensana e a abstención de PP, PSdeG-PSOE e BNG, o expediente do Parque Coto Canedo, unha iniciativa que suscitou varias dúbidas entre os grupos da oposición. Concretamente, os socialistas no Concello de Ourense sinalan que a documentación presentada contempla numerosas anomalías que poden impedir que a obra se execute en tempo e forma, por parte do executivo de Gonzalo Pérez Jácome, e que “o parque de Canedo é unha infraestrutura pública que toda a veciñanza precisa”.
“A Intervención municipal presentou un informe que reflicte que o proxecto está mal licitado e non se vai poder formalizar o contrato. E no caso de que se formalice, non vai a ser posible pagar as facturas. Isto pode supoñer que a empresa deixe a obra sen rematar cando comprobe que non está a cobrar”, remarcou Fernández.
O proxecto do parque Canedo prevé o acondicionamento de espazos libres, cun gran parque, un aparcamento público soterrado con 350 prazas de estacionamento e unha piscina, entre outros equipamentos, no solo urbano 32, zona 2 do Plan de Urbanismo de 1986. Trátase do interior do rueiro formado polas rúas San Rosendo, San Froilán, Avenida das Caldas, Avenida de Basilio Álvarez, Victoria Kent e Xesús Pousa Rodríguez, no barrio da Ponte.