Os socialistas urxen a Jácome a cumprir coa súa promesa para rehabilitar o novo local de Down Ourense

A voceira do grupo do PSdeG no Concello, Natalia González, e a deputada no Congreso Marga Martín, reuníronse esta mañá con representantes da asociación Down Ourense para trasladarlles o apoio dos e das socialistas ás súas reivindicacións e apoiar as demandas das diferentes entidades sociais que veñen reclamando a convocatoria urxente do Consello Municipal de Servizos Sociais.
“O goberno de Gonzalo Pérez Jácome non debe só convocar este órgano, senón facelo con regularidade para dar resposta ás necesidades das asociacións da cidade e abordar, entre outros asuntos, a configuración das subvencións oportunas para que poidan prestar un servizo aos seus usuarios e usuarias de calidade e de xeito planificado”, indicou a portavoz.
Neste senso, incidiron na importancia de que se actualicen e incrementen as partidas que se destinan dende a Administración local ás diversas asociacións posto que as necesidades foron mudando nos últimos anos e non se aprobaron uns novos orzamentos dende o 2020.
En concreto, sobre a asociación Down Ourense, as e os socialistas reclaman tamén que o executivo local cumpra a súa promesa, que realizou hai máis dun ano, de aportar unha subvención por un importe de 50.000 euros para a reforma das novas instalacións que están a piques de inaugurar. “A pasividade coa que se abordan as necesidades de benestar social por parte do Concello debe mudar inmediatamente. Non só non se incumpriu polo de agora o compromiso con esta entidade, senón que o propio sistema de subvencións padece retrasos que no caso doutras asociacións leva consigo non percibir as contías económicas da Administración local dende hai dous anos”, remata lembrando.