Os socialistas urxen ao Concello de Ourense a que restaure a locomotora da Ponte
“Case dous anos transcorreron dende que quedou deserto o concurso para arranxar a locomotora do barrio de A Ponte e a día de hoxe, segundo a información que nos trasladou o executivo de Jácome, non hai partida orzamentaria para volver a licitar a reparación”, comeza explicando a voceira do grupo municipal socialista, Natalia González, sobre unha actuación que precisa da maior dilixencia ante o mal estado que presenta un emblema da cidade.
Entenden as e os socialistas que se trata dun tema especialmente sensible dado o abandono no que está sumida a infraestrutura e ao perigo que supón para a propia máquina e para a veciñanza posto que, hai uns meses, ata foi ocupada por persoas sen fogar que durmían nela.
“En outubro de 2023 levamos ao pleno ordinario unha moción na que reivindicamos licitar de maneira áxil as obras de reparación da histórica locomotora de vapor antes do remate do ano”, lembra a tamén secretaria xeral do partido en Ourense. “Semella que foi imposible e non sabemos se o será tamén neste 2024”, lamenta ante a inoperancia do goberno de Gonzalo Pérez Jácome.
No texto aprobado, ademais, reclamábase poñer en valor e dar recoñecemento a este símbolo histórico e turístico do barrio de A Ponte e da cidade a través da instalación dunha axeitada sinalización e paneis informativos, mais dende o PSdeG afirman que tampouco saben nada desta opción respaldada pola Corporación.
Así mesmo, incide a portavoz en que as edís do PSdeG no Concello de Ourense preguntaron insistentemente polo asunto en reiteradas Xuntas de Área de Urbanismo dende que comezou o ano para “coñecer o estado da licitación, o importe definitivo e a modificación, ou non, do anterior proxecto” e que só recibiron respostas “contraditorias” por parte do concelleiro da carteira, Francisco Lorenzo. No mes de abril o propio edil afirmaba que a restauración sería “plena”, que quedaría “como nova”, que se estaban a estudar “reaxustes no orzamento” para levar a cabo a restauración e que se cubriría cunha especie de furna transparerente, tal e como propuxo o grupo municipal socialista, para evitar o deterioro ocasionado polas inclemencias meteorolóxicas.
Ante as respostas dadas polo edil de Urbanismo, e á vista de que todo continuaba igual, Natalia González voltou cuestionar se xa existía o novo proxecto para a locomotora e o responsable da área respostou que non e que valía “o existente”, o “mesmo proxecto cos mesmos importes”.
Na seguinte Xunta de Área, Francisco Lorenzo informou de que o prego xa fora cambiado e que sería dotado de crédito “na seguinte modificación”. Cos antecedentes descritos e ante a inoperancia do executivo local, as e os socialistas piden que se deixen de dar evasivas e que se saque adiante o proxecto de restauración dun símbolo que require con urxencia de mantemento para continuar en pé.