Os traballos de asfaltado obrigará a cortar este mércores un tramo da rúa Vicente Risco

As obras de asfaltado previstas polo Concello de Ourense provocarán este mércores, 8 de xullo, restricións ao tráfico nun tramo da rúa Vicente Risco. A actuación obrigará a pechar a circulación no treito comprendido entre a Praza de Xeral Moscardó, á altura do IES 12 de Outubro, e a intersección coa avenida de Marín.
O corte afectará unicamente aos vehículos que circulen en sentido saída da cidade, concretamente aos que se dirixen cara á rúa Francisca Herrera e á avenida de Santiago.
Co obxectivo de minimizar o impacto na mobilidade e garantir a fluidez do tráfico na zona, a Policía Local deseñou un dispositivo especial de circulación. Deste xeito, todos os vehículos procedentes da Ponte Nova que teñan como destino a avenida de Santiago deberán desviarse obrigatoriamente pola avenida de Marín.
O transporte público será a única excepción a esta medida temporal. Os autobuses urbanos poderán continuar co seu itinerario habitual sen necesidade de modificar o percorrido.
Ademais, o eixo viario que comunica a avenida de Marín coa Ponte Nova permanecerá aberto con normalidade, mantendo así a conexión habitual de acceso á cidade.
O Concello instalará sinalización provisional e elementos de balizamento nos puntos afectados para informar aos condutores sobre os cambios na circulación. Así mesmo, axentes da Policía Local supervisarán o desenvolvemento do dispositivo e solicitan á cidadanía extremar a precaución e seguir as indicacións do persoal encargado da regulación do tráfico durante a execución das obras.