Os viños ourensáns protagonizan a campaña 'Primavera de Portas Abertas'

OurenseXa
Da man de Turismo de Galicia, un grupo de influencers especializados en enogastronomía e viaxes divulgan a iniciativa que comezará o 3 de maio para o público
UVigo_viño
Imaxe dun viñedo
Redacción Ourensexa
27 abr 2024

Turismo de Galicia leva esta fin de semana en Monterrei a súa campaña de promoción da Primavera de Portas Abertas nas rutas dos viños que leva realizando nas últimas semanas nas diferentes denominacións de orixe vitivinícolas da man de distintos influencers especializados en enogastronomía.

Así, esta fin de semana cóntase coa participación de Natalia Alcayde, Petiscos Galegos, Castigada Con Salir e Sara Lúa para os que Turismo de Galicia organizou un programa de visitas a distintas adegas, un paseo por Verín e visita ao Balneario e Manancial de Cabreiroá, á acrópole de Monterrei ou unha visita ao Centro de Interpretación da Castaña, entre outras. Tamén se prevé unha cata con observación astronómica ou unha ruta polos lagares rupestres de Oímbra.

Con esta acción promocional en Monterrei -e despois de realizala as pasadas fins de semana nas outras denominacións de orixe vitivinícolas- a próxima fin de semana do 3 de maio botará a andar a nova edición da Primavera de Portas Abertas nas rutas dos viños con actividades nas que poderá participar o público en xeral.

Organizada por Turismo de Galicia en colaboración coas cinco entidades impulsoras das rutas dos viños, esta proposta está consolidándose na oferta turística do primeiro semestre do ano. Participarán máis de 100 establecementos das cinco denominacións de orixe vitivinícolas e están previstas máis de 60 actividades de todo tipo desde visitas a adegas, catas comentadas, visitas a museos, rutas monumentais….

As xornadas de portas abertas celebraranse cinco fins de semana entre maio e xuño, sendo a protagonista de cada fin de semana unha denominación de orixe. En concreto, do 3 ao 5 de maio será na D.O Valdeorras, do 10 ao 12 de maio na de Rías Baixas, do 17 ao 19 de maio na D.O Ribeiro, do 24 ao 26 de maio na Ribeira Sacra e do 31 de maio ao 2 de xuño en Monterrei.