Os Xogos da Alameda do Cruceiro e as fontes transitables dos barrios abren este sábado

OurenseXa
As instalacións funcionarán diariamente entre as 10.00 e as 20.30 horas como espazos gratuítos de lecer infantil e familiar
Parque infantil da Alameda do Cruceiro, Ourense
Parque infantil da Alameda do Cruceiro
12 Jun 2026

O Concello de Ourense abrirá este sábado, 13 de xuño, ás 10.00 horas, a instalación de xogos acuáticos da Alameda do Cruceiro, un dos principais espazos de lecer infantil e familiar da cidade durante os meses de verán.

O denominado Splashpad, integrado na reforma deste espazo urbano, funcionará de maneira ininterrompida todos os días entre as 10.00 e as 20.30 horas, ofrecendo unha área gratuíta pensada para o desfrute da infancia e das familias. Trátase dun equipamento accesible, sen barreiras arquitectónicas, no que a interacción coa auga se realiza a través de diferentes elementos lúdicos como chorros e arcos.

O sistema do Splashpad conta ademais cun circuíto pechado de reutilización da auga, co obxectivo de mellorar a eficiencia no consumo hídrico e reducir o impacto ambiental do funcionamento destas instalacións.

Xunto a esta instalación, o Concello tamén activará este mesmo sábado as fontes transitables situadas en distintos barrios da cidade, concretamente no barrio de San Francisco, na contorna do parque das Zapatillas; no barrio do Couto, no parque situado xunto ao Insubad; e na zona de Barrocás-A6, na fonte lúdica de Ánxelita Paradela. Estes espazos estarán tamén dispoñibles para o uso público durante a tempada estival.

0.12696409225464