Ourense acolle este mércores a Festa do Correlingua coa participación de 17 centros educativos

OurenseXa
A xornada incluirá concertos, andainas, animación e lectura de manifestos en defensa da lingua galega
correlingua-2026
19 May 2026

A cidade de Ourense converterase este mércores 20 de maio nun dos escenarios da 26ª edición do Correlingua, a iniciativa que percorre Galicia ao longo deste mes para reivindicar o uso da lingua galega entre a mocidade. A celebración reunirá alumnado de 17 centros educativos de Ourense, Maceda, O Carballiño, Vilamartín de Valdeorras e Nogueira de Ramuín nunha xornada marcada pola música, as actividades lúdicas e a defensa do idioma.

A programación desenvolverase entre a Praza Maior e o Auditorio Municipal de Ourense, dividida en dúas quendas. O acto estará conducido pola actriz Isabel Risco e contará coa actuación musical de Mekánika Rolling Band, formación con quince anos de traxectoria e presenza en escenarios de distintos países europeos.

Na primeira quenda participarán estudantes de institutos e colexios de Ourense, Maceda e O Carballiño. A xornada arrancará ás 10.05 horas no Auditorio coa presentación de Isabel Risco e continuará coa lectura do manifesto por parte do alumnado do IES Otero Pedrayo. Posteriormente terá lugar o concerto de Mekánika Rolling Band e unha andaina polas rúas do centro da cidade ata a Praza Maior, onde se celebrará un concurso de pancartas e actividades de animación organizadas pola Asociación Amencer.

Na segunda quenda, o alumnado será recibido desde primeira hora da mañá na Praza Maior, onde tamén haberá actividades e animación. Ás 11.30 horas iniciarase unha andaina cara ao Auditorio Municipal. Xa no escenario, o manifesto será lido polo alumnado do CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras. Ademais, o alumnado de 2º A do CEIP O Couto interpretará o tema “A quen lle importa” e as Pandeireteiras Loureiro do mesmo centro ofrecerán unha adaptación de poemas de Rosalía de Castro antes do concerto final de Mekánika Rolling Band.

O Correlingua está organizado por CIG-Ensino coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG). A iniciativa conta tamén co apoio do Concello de Ourense e da Deputación de Ourense a través das súas áreas de Normalización Lingüística.

A edición deste ano mantén o carácter reivindicativo e festivo do programa, que busca fomentar o uso do galego entre a comunidade educativa a través da participación, a música e as actividades culturais.

0.12909007072449