Ourense acolle o IV PRICIT Doctoral Workshop
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolle este xoves e venres, 11 e 12 de abril, a celebración do IV PRICIT Doctoral Workshop. O alumnado de doutoramento e o persoal investigador asistente, das áreas de economía e empresa, terá a oportunidade de coñecer nesta cita investigacións sobre diversos temas e realizar un amplo percorrido pola actualidade académica neste eido, abordando aspectos centrais de contabilidade, auditoría, goberno corporativo, control de xestión e saúde e benestar nas organizacións.
Na organización da actividade participan a Universidade de Vigo, a facultade anfitrioa, Ecobas e o Programa de Doutoramento Interuniversitario en Análise Económica e Estratexia Empresarial; a Universidad Autónoma de Madrid e a Asociación Española de Profesores Universitarios de Contabilidad (Asepuc). O IV PRICIT Doctoral Workshop, indican desde a súa organización, ofrece ao público asistente “o espazo idóneo para presentar, debater, recibir comentarios e intercambiar opinións nunha comunidade académica formada por estudantado de doutoramento e persoal investigador sénior”. Igualmente, engaden, permite “establecer e fornecer relacións académicas”.
A programación inclúe a presentación de once comunicacións realizadas por persoal investigador de diferentes eidos e que abranguen desde a mellora dos sistemas de control de xestión para evitar a manipulación e a presentación errónea de datos ata a relevancia do xénero nos estudos de comportamento de separación de residuos. Tamén haberá dúas conferencias que serán retransmitidas on-line. A primeira, que se celebrará o xoves pola tarde, leva por título Contabilidade de xestión e será ofrecida por Lucía Bellora-Bienengräber, da University of Groningen, de Países Baixos. A segunda, Boas prácticas de investigación, terá lugar o venres pola mañá e correrá a cago de Beatriz García Osma, da Universidad Carlos III de Madrid.