Ourense acollerá en maio o XXXV Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá o XXXV Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, que terá lugar os días 30 e 31 de maio de 2025.
Este mércores tivo lugar a presentación no Centro Cultural Marcos Valcárcel, á que asistiron o o deputado provincial de Representación Institucional, Rosendo Luis Fernández, o presidente da SGXX, José María Faílde, a concelleira de Igualdade e Saúde do Concello de Ourense, Noa Rouco, e o presidente do 35 Congreso, José Manuel Pazos.
Rosendo Fernández sinalou a idoneidade á hora de escoller a Ourense como sede deste importante congreso, dado que está certificado que a provincia é un dos lugares máis lonxevos do planeta, lembrando a importancia de implementar un envellecemento activo, pois "todo o mundo quere envellecer, pero ninguén quere ser vello".
Ao redor de 40 relatores e expertos en atención sociosanitaria daranse cita en maio en Ourense para participar neste encontro internacional que leva por lema ‘Envellecemento, Benestar e Atención Especializada’.
Europa é unha das rexións do mundo con poboacións máis envellecidas. Este fenómeno débese a unha combinación duns baixos índices de natalidade e unha alta esperanza de vida. E, dentro de España, Castela León, Asturias e Galicia, son as comunidades autónomas con maior número de persoas maiores. Pero, ademais, concretamente Ourense, con case un 34% de persoas maiores de 65 anos, destaca por ter unha das poboacións máis envellecidas non só en España, senón a nivel mundial.
É evidente que este fenómeno poboacional expón desafíos significativos, pero tamén ofrece oportunidades para fortalecer as políticas de saúde e benestar, e fomentar a inclusión e o apoio á poboación maior.
Recoñecer esas tendencias e saber adaptarnos ás necesidades cambiantes dos cidadáns maiores é crucial para garantir unha calidade de vida adecuada e unha sociedade equitativa e sostible.
Estes serán os temas que centrarán as conferencias e mesas redondas do 35 Congreso da SGXX que se repartirán en tres áreas temáticas: saúde, benestar e atención especializada.
A SGXX conta co apoio da Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia para organizar este encontro científico e social de carácter internacional.