Ourense acollerá este domingo unha marcha solidaria en apoio ao Banco de Alimentos

OurenseXa
A actividade sairá desde A Infesta de Seixalbo cunha achega voluntaria destinada integramente á compra de leite
Andaina Solidaria Seixalbo
9 Sep 2026

Este domingo celebrarase en Ourense unha nova edición da Andaina Solidaria, unha marcha organizada en apoio ao Banco de Alimentos da cidade. A saída está prevista ás 09.30 horas desde A Infesta de Seixalbo, e agárdase que os participantes estean de volta arredor das 11.30 horas.

Para participar na actividade establécese unha cota de inscrición de carácter voluntario, fixada en 5 euros para as persoas adultas. Todo o diñeiro recadado destinarase integramente á compra de leite para o Banco de Alimentos. Non é preciso apuntarse con antelación, xa que as inscricións recolleranse o propio domingo, a partir das 09.00 horas, no mesmo punto de saída.

Quen non poida sumarse á marcha tamén ten a opción de colaborar coa causa. Para iso, poderá adquirir un Bono Kilómetro 0 polo mesmo importe de 5 euros, dispoñible o sábado en horario de 11.00 a 13.00 horas no local veciñal.

Ademais, a organización anunciou que todas as persoas que se acheguen á Infesta ás 09.30 horas, participen ou non na camiñada, poderán formar parte dun pequeno vídeo que se está a preparar de cara a unha función de teatro programada para o día 26.

Como novidade, este ano a iniciativa conta coa colaboración da cadea de supermercados Gadis, que facilitará auga, froita e pequenos doces para as persoas que participen na andaina.

0.17337203025818