Ourense acollerá no mes de abril a súa I Feira de Educación

OurenseXa
O evento celebrarase en Expourense co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias entre universidades e centros educativos
convenio-feira-educacion-expourense
Presentación da I Feira de Educación de Ourense
6 Feb 2025

Ourense terá a súa I Feira de Educación no mes de abril, concretamente os días 2 e 3, converténdose nun espazo de encontro único entre universidades e centros educativos que servirá para poñer en valor o traballo colaborativo entre as Universidades e a Xunta de Galicia, así como dar continuidade á orientación académica e facilitar unha adecuada elección na toma de decisións sobre o futuro profesional do alumnado.

Así quedou plasmado nun protocolo de colaboración que asinaron hoxe na Deputación o presidente provincial, Luis Menor; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; e o xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Menor recalcou que esta iniciativa pioneira xorde da “cooperación institucional para ofrecer información á mocidade e orientación para o seu futuro”, ademais de ser un “moi bo escaparate para amosar todo o ben que fan, a nivel de proxectos, os centros educativos”.

Román Rodríguez, pola súa banda, sinalou que “o fin último é facilitar que o alumnado e familias coñezan a oferta educativa dispoñible, tanto universitaria como na FP ou nas ensinanzas artísticas e deportivas, de tal forma que teñan toda a información precisa para tomar decisións que serán fundamentais no seu futuro”.

Os obxectivos fundamentais desta feira serán fomentar o intercambio de experiencias; a aprendizaxe colaborativa; e o fortalecemento das relacións entre os diferentes niveis educativos, promovendo a interacción entre universidades e centros educativos para fortalecer o desenvolvemento de boas prácticas pedagóxicas e a formación integral do alumnado.

Tamén buscará propiciar un encontro, onde universidades, centros de formación e outras institucións educativas, expoñan as súas ofertas académicas aos alumnos, familias e colexios, tratando de dar resposta ás necesidades de información sobre a oferta formativa e orientación.

Por último, tamén fixa como meta fomentar a colaboración entre docentes, estudantes e comunidades educativas para compartir experiencias, fortalecer o traballo en rede, crear un espazo de intercambio e impulsar a educación inclusiva e adaptada aos retos sociais e educativos do século XXI.

Accións dos asinantes

Tal e como expón o documento, a Deputación Provincial de Ourense será o representante institucional de interlocución con outras Administracións, Institucións, Universidades, etc., levando a cabo actuacións publicitarias e de difusión da Feira, así como a levar a cabo aquelas actuacións necesarias para o seu desenvolvemento.

Pola súa banda, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional elaborará o programa/contido da Feira, facilitando a participación dos centros educativos da provincia, así como a exposición de boas prácticas, prácticas innovadoras, conferencias, e demais actividades no contexto da Feira.

Por último, Expourense será o organizador e xestor da Feira, facilitando as instalacións necesarias así como poñendo á disposición todos os recursos materiais e humanos para o desenvolvemento da mesma.

 

0.17211890220642