Ourense acollerá o primeiro Meeting Internacional de Atletismo en pista cuberta Short Truck
A cidade de Ourense acollerá no mes de xaneiro o seu primeiro meeting internacional de atletismo. Así o anunciou esta mañá a Federación Española de Atletismo, que avanzou que o 1º Meeting Internacional de Ourense en pista cuberta Short Truck se desenvolverá o día 18 de xaneiro de 2025 na pista cuberta de Expourense.
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome valorou moi positivamente que Ourense sexa escenario deste extraordinario evento deportivo, que reunirá na cidade a elite do atletismo na categoría absoluta, e confía que o campionato, cun orzamento duns 30.000 euros, sexa posible como en casos anteriores, a través da colaboración, a partes iguais, entre o Concello de Ourense, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia.
Este será o primeiro evento internacional que acolla a pista cuberta de Expourense, que xa foi escenario durante os últimos anos de diferentes campionatos de España nas categorías absoluta, máster, Sub-20 e Sub-16.
O Meeting internacional é a segunda boa nova que este deporte lle dá a cidade nos últimos días, xa que o 1 de xullo a federación española anunciou que Expourense será tamén a sede do Campionato de España de Atletismo na categoría Sub-16 Short Track, que se disputará os días 15 e 16 de marzo.