Ourense acollerá unha escola de familias sobre alimentación saudable nos comedores escolares

Adercou convocou as familias con fillos e fillas en centros escolares de Ourense a unha nova sesión da súa escola de familias, centrada nesta ocasión na alimentación saudable. A cita será o vindeiro luns, 2 de novembro, ás 18.00 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Rúa do Progreso, 30).
A entidade parte da idea de que unha boa alimentación non depende só dos hábitos adquiridos no fogar, senón que tamén se constrúe nos comedores escolares, polo que o encontro pretende ofrecer ferramentas prácticas e sinxelas para mellorar a dieta dos máis pequenos tanto dentro como fóra da aula.
Durante a sesión abordaranse cuestións como o equilibrio nutricional, o consumo de produtos locais e de tempada, o funcionamento dos menús escolares e as modificacións que incorpora a nova normativa que regula os comedores nos centros educativos.
Ademais da parte informativa, o encontro está concibido como un espazo de participación no que as familias asistentes poderán expor as súas dúbidas, compartir experiencias propias e trasladar as súas inquedanzas sobre esta materia. Dende Adercou destacaron o seu interese en coñecer a opinión dos asistentes e en que as familias se impliquen activamente na promoción dunha alimentación máis saudable, sostible e baseada en produtos de proximidade.
Esta actividade enmárcase dentro do proxecto ‘Saberes e Sabores do Territorio’, unha iniciativa coordinada polo GDR Costa da Morte na que tamén participan o GDR Sil-Bibei-Navea, Adercou, o GDR Miño-Ulla, o GDR Terras de Compostela e o GDR Comarca de Ordes.