Ourense afronta unha nova xornada baixo aviso amarelo por altas temperaturas
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) mantén o aviso amarelo por altas temperaturas na provincia de Ourense para a xornada deste martes, 30 de xullo. O aviso estará activo entre as 13.00 e as 21.00 horas, podendo alzanzarse os 36 graos na capital.
Recomendacións sanitarias
A Consellería de Sanidade traslada á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor.
É importante beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Ademais, deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou aquelas moi azucradas. Recoméndase comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas.
Respecto da vestimenta, recoméndase o uso de roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.
No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.
No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.
Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible e nunca inferior a quince.
Aos familiares ou veciños que vivan sos é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.